Monforte de Lemos, 5 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que mañá día 6 de maio abrirá a Feira do Mercado Gandeiro de Monforte, pero con restricións importantes, pois tal e como recolle a Resolución da Consellería do Medio Rural do 4 de maio, a venda directa nos mercados limitarase única e exclusivamente a produtos agrícolas e gandeiros do sector de alimentación e produtos perecedoiros, e á venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais.
A Consellería do Medio Rural publicou onte na súa páxina web unha Resolución do 4 de maio de 2020 pola que se modifica a Orde do 23 de marzo de 2020, pola que adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo de 2020, sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias.
Normas específicas e recomendacións establecidas pola Resolución
Así, segundo a Resolución da Consellería do Medio Rural, os mercados locais só poderán vender produtos agroalimentarios e produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais, e os postos deberán cumprir unha serie de normas específicas para que o desenvolvemento desta actividade non supoña ningún risco para a saúde. Deste xeito, tanto o aforo como o número de postos deberanse reducir para evitar riscos para a saúde pública, garantindo unha limitación ó 25% dos postos habituais ou autorizados e unha afluencia inferior a un terzo do aforo habitual.
Os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros, permitíndose unha separación mínima de 4 metros entre os laterais. Como forma de instalación dos postos na superficie do mercado, recoméndase unha disposición en forma de triángulo equilátero, evitando que un punto de venda estea enfrontado a outro.
Dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras, que serán as titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), deberán gardar entre si unha distancia mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física. Tamén poderán exercer a venda os parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou empregados da explotación.
Ademais, recoméndase ós responsables dos postos poñer a disposición da clientela luvas desbotables. En todo caso, será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos en venda e recoméndase contar con dispensadores de xel desinfectante para uso, tanto das persoas vendedoras como das persoas usuarias, de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.
Con respecto á limpeza e recollida, os refugallos xerados polo mercado deberán ser depositados en bolsas dentro dos colectores instalados ao efecto polos servizos municipais de limpeza e recollida de lixo, e en todo caso observar as determinacións que ao respecto se establezan nas ordenanzas ou bandos municipais.