Monforte acolle a xornada de difusión do V Espazo Coworking Ribeira Sacra para emprendedores

Monforte de Lemos, 28 de xaneiro de 2020. O Centro do Viño acolleu hoxe a xornada de difusión do V Espazo Coworking Ribeira Sacra para emprendedores organizada polo Concello de Monforte, o IGAPE e a Escola de Organización Industrial (EOI).

A 1ª Tenente de Alcalde do Concello de Monforte de Lemos, Gloria Prada, presidiu o acto, e estivo acompañada pola Subdirectora da oficina Galicia Emprende do IGAPE, Josefina Suárez Mansilla e polo director do Espazo Coworking, Alfonso Martínez Fernández, da Escola de Organización Industrial (EOI).

Ademais, e co obxectivo de contar como foi a súa participación en edicións anteriores de este Espazo Coworking e explicar como están a traballar nas súas empresas, a xornada contou coa presencia de 3 emprendedores: Cándida Rodríguez Castro, da empresa “Coaching con cabalos”, Xosé García Freire, promotor da empresa “Casa da Fonte” e Martín Mantilla Rodríguez, promotor do establecemento de hostalería “BERSO”.

A finalidade desta xornada foi informar de como participar no V Espazo Coworking Ribeira Sacra, que está enfocado a orientar a todos aquelas persoas que teñan en mente unha idea de negocio e queiran desenvolvela. Así, ante perto de 30 asistentes, os diferentes poñentes explicaron o funcionamento deste tipo de espazos coworking, a metodoloxía empregada, así como as fases das que consta o programa. E os emprendedores aportaron a súa experiencia práctica, unha vez que xa puxeron en marcha a súa iniciativa empresarial, logo de participar en espazos coworking en pasadas edicións.

Gloria Prada destacou que “dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte creemos que unha das inversións máis produtivas que pode e debe facer unha administración pública, é inverter no talento das persoas que teñen unha idea e que loitan por convertela nun proxecto de empresa útil para a sociedade”. Por iso, engadiu a Tenente de Alcalde, “quero convidar a aquelas persoas que teñan unha idea empresarial, que están a impulsar unha nova actividade económica, a que utilicen este servizo como principal instrumento e de soporte técnico dos seus proxectos de emprendedores”.

 

Como en edicións anteriores, A sede do Espazo Coworking Ribeira Sacra seguirá a ser nas instalacións municipais de Expolemos, “xa que a súa amplitude permítenos ter unha aula de formación, unha de titorización dos proxectos de emprendedores, salas de reunións e oficinas... en definitiva, todo o necesario para o desenvolvemento óptimo dun espazo de traballo colaborativo para o Coworking”.

A Tenente de Alcalde concluíu a súa intervención animando ós asistentes a inscribirse neste Espazo Coworking, xa que os servizos e ferramentas que nel se ofertan “estou convencida de que lles será de moita axuda”. 

 

     

 

V Espazo Coworking Ribeira Sacra

Este venres 31 remata o prazo de inscrición para esta quinta edición do Espazo Coworking Ribeira Sara. Os interesados poden facelo a través do seguinte enlace: https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/monforte-de-lemos-5a-edicion. Ou ben na Oficina de Promoción Económica do Concello de Monforte (Casitas da Compañía) e no teléfono 982 884 775.

Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, é impulsado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), e a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), e conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.

As 4 edicións celebradas en Monforte, supuxeron un gran éxito de participación, cun total de 97 emprendedores e emprendedoras titorizados que levaron a constituír 33 empresas.

Nel poden participar persoas de tódalas idades que teñan en mente un proxecto de calquera sector, xa sexa turístico, gastronómico, do sector servizos, agrícola, etc.

A matrícula é gratuíta e celebrarase nas instalacións de Expolemos. O Espazo Coworking ofrecerá asesoramento durante uns 6 meses e está concibido para emprendedores que aínda non constituísen a súa empresa ou para persoas que estean nunha fase inicial de desenvolvemento do seu proxecto.

No Espazo Coworking de Monforte de Lemos os participantes recibirán, sen ningún tipo de custe para eles, asesoramento e un apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas. Os emprendedores recibirán formación na sede de Expolemos e disporán dun mentor que os axudará a validar e lanzar o seu proxecto. Ademais poderán participar en diferentes obradoiros e eventos e estarán en contacto con especialistas en comunicación, finanzas e vendas, entre outras disciplinas.