Monforte de Lemos, 29 de xaneiro de 2020. O Concello de Monforte informa que no día de hoxe as 12 horas celebrouse unha reunión entre a empresa Alacer-Ocio, concesionaria da xestión da piscina municipal e o Concello de Monforte para analizar a problemática da xestión da piscina que se ven producindo ultimamente.
Por parte da empresa, acudiu o seu responsable D. Javier Pazos acompañado dunha asesora xurídica, e por parte do Concello, a delegación estivo encabezada polo Alcalde, José Tomé Roca, acompañado da 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, asistidos polo Técnico municipal de deportes, Óscar Rodríguez, o Secretario xeral do Concello, José Antonio Mourelle Cillero, e o Xefe de servizo de contratación, José Luis Cañoto.
A reunión, que durou algo mais de hora e media, desenvolveuse nun ambiente moi cordial e nela analizouse toda a problemática que se ven dando na xestión da piscina municipal. Levouse a cabo unha análise dos distintos aspectos que conduciron a esta situación dende que a empresa Alacer-Ocio se fixo cargo da cesión do contrato no primeiro semestre do ano 2015, na que a empresa adxudicataria manifestou que había un desequilibrio económico-financeiro.
Por parte do Concello, o Alcalde manifestoulle a súa vontade de colaborar para solucionar os problemas que se veñen producindo na xestión da piscina, pero que a empresa tiña que aportar a documentación que acredite o desequilibrio manifestado verbalmente.
No día de hoxe, a empresa non aportou ningunha documentación motivo polo cal se acordou celebrar unha nova reunión o mércores día 12 de febreiro ás 12 horas, e que previamente a empresa tería presentado no concello un documento que acredite as súas pretensións.
O Alcalde manifestoulle que o Concello ten toda a vontade de colaborar sempre e cando a empresa sexa capaz de xustificar o que transmite verbalmente.
Se a empresa cumpre o acordado, o Concello ten intención de levar o acordo que se alcance ó Pleno do día 24 do mes de febreiro para que, unha vez cumpridos os trámites legais de publicación e exposición ó público, se corrixa o desequilibrio, se finalmente se demostra.
Unha vez rematada a reunión oficial, invitouse a participar na citada xuntanza ó delegado sindical dos traballadores da piscina, onde foi informado polo Alcalde, cos representantes da empresa presentes, dos acordos acadados na reunión que acababa de finalizar, para que informe de primeira man ó conxunto dos traballadores.
O mandatario deixoulle claro ó representante dos traballadores, que o Concello vai garantir os postos de traballo e tamén as condicións laborais e económicas que teñen neste momento os traballadores e traballadoras da piscina municipal.
Diante da empresa, o Concello amosou a preocupación polo retraso no pago de salarios ós traballadores que neste momento alcanzan as súas mensualidades, manifestando a empresa que pagaría o antes posible, pero que estaba pasando unha dificultade importante de tesourería.
Para elaborar a documentación requirida por parte da Empresa, o Concello ofreceu a colaboración de todos os servizos municipais para que preparen os documentos necesarios conforme á legalidade para que os servizos de Intervención e Secretaría poidan facer o seu informe favorable.
O Alcalde espera que na reunión do próximo día 12 a empresa acredite documentalmente as súas pretensións para poder alcanzar un acordo que permita finalizar coas dificultades que está atravesando o servizo, para que os traballadores poidan percibir os seus salarios e podelo aprobar no primeiro pleno que se celebre.