Monforte de Lemos, 28 de xaneiro de 2020. A Concelleira de Cultura do Concello de Monforte, Marina Doutón, participou hoxe na inauguración da exposición Paz+Paciencia= Conciencia, “el consejo eterno nunca cumplido” do artista plástico Joaquín Balsa, que tivo lugar ás 19 horas na Sala de exposicións da Fundación Museo do Ferrocarril de Galicia (MUFERGA).
A exposición recolle a obra multidisciplinar de pintura e escultura de Balsa, pintor plástico en activo con exposicións nos 5 continentes.
Tras expoñer a súa obra en mostras colectivas de punta a punta do mapa, dende China a Francia, Corea do Sur ou Estados Unidos, o artista plástico Joaquín Balsa ven de abrir no MUFERGA unha mostra de 12 pezas entre pinturas e esculturas.
A do Museo do Ferrocarril é unha exposición simultánea coa do Museo Municipal de Espinho, en Portugal. É a primeira vez que o artista leva a cabo unha simultánea entre Galicia e Portugal.
Para el é moi importante causar ao observador sensacións como o equilibrio, paz e emoción. Balsa ten unha gran traxectoria nacional e internacional e a súa última exposición foi entre Busan e Seúl.
Joaquín Balsa trata de sentirse cómodo cos materiais e traballa a chapa galvanizada e o papel. A súa maior satisfacción é seguir vivindo intensa e apaixonadamente para seguir creando a todos os niveis: "Crear é unha gran paixón que transforma en beleza o que outros perciben como utilidade”.