Monforte de Lemos, 27 de outubro de 2020. O Concello de Monforte continúa adiante co ciclo de teatro previsto para o último trimestre do ano 2020, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.
Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo semestre de 2020, este xoves 29 de outubro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a segunda cita co teatro para adultos coa posta en escena da obra Chola a it girl, da compañía ArtesaCía, obra composta, dirixida e interpretada por Laura Villaverde.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.
Sinopse
Chola, mecánica de coches, blogueira e youtuber galega é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ó máis puro estilo de show escénico youtuber. A través da presenza no escenario do seu coche Opel Calibra do 2000 transmitirá, con exemplos prácticos e didácticos, estratexias para poder descubrir quen somos, que nos gusta, que nos divirte... e sobre todo, saber recoñecer de onde vimos.
Para todo isto, axudarase de vídeos exclusivos, proxectados con técnica de videomapping, desafíos en vivo, consellos automobilísticos e dunha gran dose musical. Cando parece que o show envolve a escena, revélase nun descoido de Chola no medio do show un cadaleito que sae do maleteiro do coche, no que está o cadáver de Lito. A través dun diálogo Chola deixa entrever ó público un outro traballo non tan glamuroso. E é a partir de aquí onde Chola revela a súa connotación de It girl con inxenio, humor e personalidade reflexando a súa realidade imperfecta, que está fora dos canons da imaxe actual da felicidade e do que debería ter éxito virtual. Manifestando a importancia da sabedoría popular e do uso das novas tecnoloxías a través das diversas situacións nas que se pode ver unha muller adiantada respecto ó seu tempo e a sociedade rural na que vive, polo seu inconformismo, talento, forza, e personalidade, pero tamén, pola súa busca incansábel de posibilidades para cultivarse e aprender, e pola súa teima e constancia por fuxir dos canons actuais do que debería ser unha muller tendencia.
A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos, dentro da Rede de Teatros e Auditorios, programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será A conquista da escola de Madhubai da compañía Teatro do Atlántico que terá lugar o xoves 12 de novembro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.
Protocolo ante o Covid-19
Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:
- A capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación.
- A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación.
- A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra.
- Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
- Gardarase a distancia social de seguridade.
- Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.