Monforte de Lemos, 20 de xaneiro de 2020. A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó primeiro semestre de 2020 continúa en Monforte de Lemos este xoves 23 de xaneiro ás 20:15 no Edificio Multiusos coa posta en escena da obra Entre soños da Compañía de danza Fran Sieira, obra creada por Fran Sieira e dirixida por Fran Sieira e David Vilariño.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.
Que é Entre soños?
Entre soños é unha obra de baile e música tradicional galega de 70 minutos de duración, cun elenco artístico formado por 3 bailadores/cantadores: Fran Sieira, Aida Tarrío e Xisco Feijoó, ó son da música do compositor e músico multidisciplinar Anxo Pintos.
E todo isto dentro de un marco escénico deseñado por Vanesa Hernández (escenografía), Luis Perdiguero (iluminación), Alessio Meloni (deseño de vestiario), e dende unha visión contemporánea a través dos ollos do director artístico David Vilariño (bailarín contemporáneo e coreógrafo).
Deste xeito poderemos ver en escena a figura dunha persoa deitada como si nunha cama se tratase inmersa nun profundo soño. Pero lonxe de conseguilo é invadida por milleiros de pensamentos e inquietudes. Dentro dos seus soños cobra vida esa valentía por conseguir todo o que se propoña, pero tamén ás súas debilidades, medos e frustracións. Unha loita por alcanzar ou dar vida a eses soños que nunca puido ou se atreveu a levar a cabo, á vez que os medos e inseguridades o invaden dicíndolle que non son máis que soños que desaparecerán cando esperte da súa cama…
Esta personaxe deixarase levar por ese trasno malo que lle di que se lance ó abismo, que sexa valente e que faga o que o corazón lle pida, pero que a súa consciencia lle impide, e ó mesmo tempo loitará e/ou deixarase guiar por esa voz da temperanza, da tranquilidade, esa voz que lle fai ser consciente de que non son máis que soños e non poderán ser máis ca iso.
Escenificando deste xeito encrucilladas nas que cada un de nós nos vimos envoltos nalgún momento das nosas vidas. Esas ganas por perseguir os nosos soños e inquietudes e eses medos que nos paralizan e non nos deixan avanzar…
Elenco artístico
Fran Sieira
Bailador dende os 8 anos (no 1990) na escola do Grupo de Baile e Música tradicional Tahúme de Riveira. A partires do ano 1997 comeza a súa andaina como bailador titular deste mesmo grupo e xa no ano 2003 consolida a súa formación como bailador dentro do corpo bailadores do Grupo para a recuperación de Bailes, Músicas e Cantares tradicionais da A.C.F O Fiadeiro de Vigo. Neste mesmo ano asume a dirección artística do Grupo de Baile e Música tradicional Tahúme. Do ano 2004 ó 2009 pasa a formar parte do equipo de monitores da escola da A.C.F. O Fiadeiro como mestre de baile tradicional. No 2009 nace a Asociación Cultural Traspés na que asume a súa dirección artística.
Dentro da súa experiencia cabe destacar a de bailador do espectáculo “Isolma” da compañía de baile GS21 no ano 2007. A de bailador do espectáculo “Alén da Croa” da compañía Quique Peón e Cía no ano 2012. E a de bailador do espectáculo “Son” desde o ano 2016 na compañía Nova Galega de Danza.
Xisco Feijoó
Mestre na Escola de Música Folk e Tradicional do Concello de Vigo ETrad.
Exdirector do Grupo para a recuperación de Bailes, Músicas e Cantares Tradicionais O Fiadeiro.
Coordinador da sección de canto e coreógrafo na Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu.
Vocalista, percusionista e bailador nas xiras de presentación dos discos “Volta” e “Sotaque” do gaiteiro Xosé Manuel Budiño.
Vocalista de Pepe Vaamonde Grupo.
Actualmente está a xirar con "Son" último espectáculo de Nova Galega de Danza.
Xurado do concurso “Punta tacón” 2013 e "Vai de Baile" 2017 e 2018 do programa "Luar" da TVG.
Aida Tarrío
Dentro da súa formación actualmente cursa terceiro ano de carreira do Grao Profesional de Historia da Arte na USC, e cursa clases de canto e música na escola 5ª Sinfonía coa profesora María José Couceiro Blanco. Tamén cabe destacar na súa formación a Master class de canto lírico impartida pola soprano Carmen Durán e un curso intensivo de percusión e canto tradicional impartido polo artista galego Xabier Díaz.
Actualmente é profesora de pandeireta e baile tradicional no Grupo de baile e música tradicional Tahúme e profesora de pandeireta na Asociación Amas de Casa de Ribeira.
É compoñente do grupo de Música Tradicional/Folk Tanxugueiras. Grupo cunha andaina dun ano e medio que foi participe de festivais nacionais e internacionais como Celtic Connections (Escocia, Glasgow), Festival do Mundo Celta de Ortigueira (Galicia) ou o Festival Feito a Man (Galicia) entre outros. Colaboracións con artistas como Uxía Senlle (no concerto coa Real Philarmonía de Galicia), Xabier Díaz ou o grupo escocés Shooglenifty, entre outros. Nominados tamén aos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional nos anos 2017 e 2018.
A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Crónicas do Paradiso da compañía Sarabela Teatro que terá lugar o xoves 6 de febreiro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.