Monforte de Lemos, 26de xuño de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e á Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, asinaron este venres no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración entre ambas administracións para a mellora e ampliación do parque infantil da Compañía.
O propio José Tomé presentará proximamente o proxecto, que conta cun investimento total de case 170.000 €, dos que a Deputación achegará 62.541,40 €, o que supón un 37,5%, e o Concello de Monforte, o 62,5% restante, isto é, 106.366,37 euros.
Este convenio demostra a vontade de cooperación cos concellos da Deputación de Lugo para axudarlles a sacar adiante servizos e infraestruturas públicas que contribúan ao benestar da cidadanía e á dinamización económica.
Con este novo proxecto, o Concello de Monforte cumpre co compromiso, compartido pola Deputación de Lugo, de mellorar as áreas infantís da cidade para que os nenos e nenas poidan xogar nas mellores condicións posibles, o que favorece a súa calidade de vida e o seu bo desenvolvemento.
Neste sentido, tamén en colaboración coa Deputación de Lugo, o Concello monfortino ten iniciado as obras doutro importante parque de nova creación, entre os barrios de Cobas e A Pinguela, situado detrás do edificio dos Escolapios, á beira do Río Cabe, un novo espazo público de lecer que vai mellorar esta zona da cidade que ata o momento estaba degradada dándolle un novo impulso.