Monforte de Lemos, 28 de xullo de 2020. A Primeira Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, participou hoxe no acto inaugural do “Networking Ribeira Sacra” organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE Lugo) en Monforte, en colaboración con AJE Galicia e AJE Ourense.
Tras desculpar o Alcalde da cidade, José Tomé, a quen motivos de axenda lle impediron participar neste acto, a Tenente de Alcalde destacou o valor de organizar este tipo de eventos, dado o momento que a sociedade en xeral e as empresas en particular están a vivir por mor do Covid-19, “no que adquire enorme importancia a adaptación ó contexto de Nova Normalidade, para o que é fundamental coñecer cales son as novas medidas, normas e estratexias que se establecen para desenvolver con seguridade a nosa actividade, tanto no eido privado coma no laboral”.
“Preservar a saúde das persoas ante a Covid-19 é a máxima preocupación de todos, e en especial, dende as administracións públicas como o Concello de Monforte, levamos traballando dende o primeiro momento para facilitar e propiciar as medidas hixiénicas e sanitarias que garantan a seguridade dos nosos veciños e veciñas. Pero hai outra preocupación moi importante que se deriva da crise xerada polo Coronavirus: as consecuencias que a expansión da enfermidade provocou en todos os sectores e eidos da nosa economía, e que están afectando a moitos dos vosos negocios e empresas” resaltou Prada.
“Neste senso”, continuou a Tenente de Alcalde “dende o Concello de Monforte, o Equipo de Goberno encabezado por José Tomé Roca, non deu ás costas ó sector empresarial. Para elo puxo en marcha iniciativas de carácter sanitario, a través do reparto de 12.000 mascarillas para todos os comercios e locais de hostalería da cidade, a través da entrega de material de protección e desinfección para todas as empresas que así o demandaron, ou do reparto a todos os veciños e veciñas de Monforte de máis de 150.000 mascarillas sanitarias. E non menos importante foi, polo que respecta ó sector empresarial, a posta en marcha do Plan Reactiva Monforte, mediante o cal o Concello de Monforte, ante a crise económica propiciada polo Covid-19, inxectou 1,4 millóns de euros en axudas directas a todos os sectores económicos e produtivos da cidade, para aportarlles liquidez e que puidesen afrontar gastos e manter postos de traballo”.
Cabe recordar, que o Plan Reactiva Monforte, que contou con máis de 1.200 solicitudes, beneficianse as pequenas empresas, os autónomos e os traballadores por conta allea de Monforte, e que supón a maior axuda económica que se fixo nunca dende o Concello.
Gloria Prada rematou a súa intervención animando ós emprendedores asistentes ó Nentworking a seguir apostando polos seus negocios e iniciativas empresarias, máis necesarios que nunca nestes tempos de crise, “nos que debemos avanzar unidos, tanto cidadáns, como administracións e empresas, pois solo así poderemos saír adiante.”
O encontro de empresarios emprendedores, que tivo lugar en Casa Reboiro, contou tamén coa presencia do Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, así como o presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo, a presidenta de AJE Lugo, Noelia López e o presidente de AJE Ourense, Lois Babarro.