Monforte de Lemos, 21 de febreiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu no seu despacho da Casa do Concello ó novo Inspector xefe da Policía Nacional en Monforte, Pablo Fernández López, que tomou posesión do seu cargo hai uns días, e que veu acompañado polo Comisario provincial de Lugo, Luis Miguel Romera Pérez. O Alcalde deu así á benvida á cidade ó novo inspector xefe.
“O encontro que mantivemos foi unha primeira toma de contacto e serviu para facer un repaso de cal é o estado actual da seguridade en Monforte; falamos de todos aqueles aspectos que atañen ó corpo da Policía Nacional nos seus diferentes eidos de actuación”, explicou o mandatario local. Por outra parte, a reunión desta mañá serviu para falar da necesidade de continuar coa vontade de colaboración entre os diferentes corpos de seguridade do Estado: Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil.
O rexedor destacou que “durante a conversa que mantiven co novo inspector xefe da Policía Nacional constatamos que o noso é un Concello tranquilo e cun baixo nivel de delincuencia; pero iso non significa que teñamos que baixar a garda”, sinalou José Tomé Roca, “debemos seguir traballando conxuntamente para poder reducir ese nivel, na medida do posible”.
Tamén abordaron sobre o futuro edificio que albergará a Comisaría da Policía Nacional en Monforte, cuxa licitación fora anunciada polo Alcalde o pasado mes de decembro de 2023, cun orzamento de partida de preto de 4,7 millóns de euros.
O novo inspector xefe da Policía Nacional de Monforte, Pablo Fernández López naceu en Ferrol, no ano 1972. É diplomado en graduado social e licenciado en Ciencias Policiais. Ingresou en 1999 na escala executiva da Policía Nacional.
En canto á traxectoria profesional destaca que estivo como xefe do MIP na comisaría local de Telde nas Palmas de Gran Canaria, foi xefe do Grupo Operativo da Brigada da Policía Xudicial en Galicia e dende o 2019, é xefe da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá de Lugo ata este ano 2024, que acada o posto de xefe da Comisaría de Monforte de Lemos.
Ten numerosos cursos de xestión policial e entre os distintivos cos que conta o novo xefe, ten máis de 60 felicitacións públicas, 3 cruces ao mérito policial con distintivo branco, 1 medalla á dedicación ao servizo policial, entre outros recoñecementos.
Pablo Fernández substitúe no cargo a Tomás García, que en agosto de 2023 asumiu o mando desta comisaría de Monforte. Neste senso, o Alcalde tamén tivo palabras de recoñecemento e agradecemento ó traballo desempeñado en Monforte nestes últimos meses polo anterior inspector.