Teatro para os máis pequenos este domingo en Monforte coa obra “Patapatúm” da compañía Elefante Elegante

 

Monforte de Lemos, 21 de febreiro de 2019. O teatro especialmente dirixido aos máis pequenos da casa será protagonista esta fin de semana dentro da actividade cultural deseñada pola concellería de Cultura de Monforte. Deste xeito, este domingo día 24 de febreiro terá lugar a primeira das dúas representacións que o ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios planificou para o primeiro semestre de 2019 en Monforte, dirixido especialmente a un público infantil e familiar.

Deste xeito, o Edificio Multiusos acollerá a partires das 18:00 horas a posta en escena da obra PATAPATÚM da compañía ELEFANTE ELEGANTE, obra dirixida por María Torres, Gonçalo Guerreiro e Pablo Sánchez e interpretada por Agustín Bolaños, María Torres e Gonçalo Guerreiro.

Elefante Elegante presenta un novo espectáculo na liña do seu traballo xestual e cunha forte compoñente plástica e musical. PATAPATÚM propón unha reflexión sobre a presenza dos bens materias nas relacións entre pais e fillos.

As nais e pais cun relativo poder económico, desexando a felicidade dos seus fillos, adoitan ofrecerlles moreas de xoguetes e intentan buscarlles ocupacións permanentes para estimulalos, para que se desenvolvan e non se aburran. Pero o aburrimento non é sempre negativo, pode ser estruturante e desenvolver a súa creatividade. Por outra banda, pode acontecer que ese obxectos materiais, eses agasallos, intenten colmar a falta de tempo que os proxenitores teñen para adicar aos seus fillos.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes. Está dirixida a un público familiar, de todas as idades, pero especialmente está pensada para nenas e nenos de 3 a 8 anos.