Monforte de Lemos, 7 de marzo de 2019. O teatro especialmente dirixido aos máis pequenos da casa será protagonista esta fin de semana dentro da actividade cultural deseñada pola concellería de Cultura de Monforte. Deste xeito, este domingo día 10 de marzo terá lugar a segunda das dúas representacións que o ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios planificou para o primeiro semestre de 2019 en Monforte, dirixido especialmente a un público infantil e familiar.
Deste xeito, o Edificio Multiusos acollerá a partires das 18:00 horas a posta en escena da obra A GALIÑA AZUL da compañía TANXARINA, obra de Carlos Casares, dirixida por Cándido Pazó e interpretada por Miguel Borines Fernández, Andrés Giráldez Río e Eduardo Rodriguez Cunha "Tatán".
A galiña azul é un espectáculo que mestura títeres e actores, baseado no conto homónimo de Carlos Casares. Está orientado ao público infantil e familiar.
Esta peza resulta unha convincente arma contra a inxustiza, unha clara defensa da diversidade. Fainos lembrar que aínda é posible loitar contra a homoxeneidade cando esta vén imposta, que formas alternativas de resistencia seguen existindo aínda que sexa pintando galiñas de azul e organizándose de xeito colectivo.
Con esta peza se exploran as posibilidades do teatro non só como desfrute e diversión, senón tamén como ferramenta de concienciación social e como parte importante na formación integral das persoas.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.