Seis centros educativos de Monforte participarán na IV edición das Olimpíadas Escolares

Monforte de Lemos, 6 de maio de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou esta mañá a IV edición das Olimpíadas Escolares, que se van celebrar este domingo, 12 de maio. Na presentación o Alcalde estivo acompañado por representantes das AMPAS que este ano  organizan o evento: Ana Méndez (presidenta) e Montserrat Rodríguez, da AMPA de A Gándara, e Laura Isabel Quiroga, da AMPA do IES Daviña Rei. Ademais, tamén acudiu Javier Rodríguez, representante de La Caixa que aporta 2.500 euros para sufragar parte dos gastos do evento.

IV edición das Olimpíadas Escolares

Nesta cuarta edición das Olimpíadas van participar o Colexio Novo, o CEIP A Gándara, o IES Daviña Rey, o Colexio Ferroviario, o Colexio Torre de Lemos e o IES Río Cabe.

A Competición terá lugar este domingo 12 de maio, para o que o Concello de Monforte pon a disposición un gran número de instalacións deportivas dada a variedade de modalidades que conforman o evento e ó gran número de escolares que participan.

As Olimpiadas contarán coa participación duns 500 nenos e nenas que competirán en 5 modalidades deportivas diferentes: fútbol, baloncesto, voleibol, atletismo e natación.

Deste xeito, as Olimpiadas Escolares desenvolveranse nas Pistas de Atletismo Municipais, no Pavillón da Pinguela, na Piscina Climatizada Municipal e no Pavillón dos Institutos.

Por outra parte, o Concello de Monforte colabora coas Cuartas Olimpiadas Escolares mediante a entrega das medallas e trofeos ós gañadores das distintas competicións, que teñen un custe de aproximadamente 1.200 euros.

A xornada durará todo o día, e a partir das 19:00 horas está prevista a entrega de trofeos, nunha festa final na que ademáis celebrarase unha chocolatada para todos os asistentes e deportistas participantes.

Durante o acto de presentación, o Alcalde, José Tomé, destacou que “o deporte escolar e o deporte de base deben ser unha prioridade dentro das políticas das administración públicas, e en particular dos Concellos, polo feito de  ser a administración pública que está máis próxima ó cidadán”. O mandatario local engadiu tamén que “a actividade física é fundamental como medio para inculcar ós nosos cativos hábitos de vida saudables, así como pola transmisión de valores tan importantes como son a superación, o compañeirismo ou o xogo limpo”.

 

Recollida solidaria de material escolar

Na presentación tamén se resaltou que durante toda a xornada habilitarase un espazo especial no IES Pinguela destinado a que todo aquel que o desexe poida deixar material escolar que irá destinado a ser repartido entre as familias máis necesitadas de Monforte.

Todo o material que se recolla será repartido entre as AMPAS dos seis centros educativos participantes nestas IV Olimpíadas Escolares e estas, á súa vez, distribuirán dito material entre os alumnos e alumnas máis necesitados ao inicio do vindeiro curso escolar.