Segue aberto o prazo para inscribirse na 5ª edición do Coworking de Expolemos

Monforte de Lemos, 27 de novembro de 2019. O Concello informa de que segue aberto o prazo de inscrición para poder participar na quinta edición do Espazo Coworking de Monforte de Lemos “Ribeira Sacra-IGAPE”, que estará ubicado nas instalacións de Expolemos e que está previsto que poida dar comezo o vindeiro mes de xaneiro do ano 2020. Este programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, está impulsado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), e a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), e conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.

As persoas interesadas en poñer en marcha algunha nova idea de emprendemento na comarca poden realizar xa a súa inscrición para recibir asesoramento a través do seguinte enlace: https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/monforte-de-lemos-5a-edicion.  Tamén poderán recibir máis información na Oficina de Promoción Económica do Concello de Monforte (Casitas da Compañía) ou ben chamando ó teléfono 982 884 775.

Poderán participar persoas de tódalas idades que teñan en mente un proxecto de calquera sector, xa sexa turístico, gastronómico, do sector servizos, agrícola, etc. O prazo de inscrición continúa aberto e amplíase ó mes de decembro, ata cubrir prazas. A matrícula é gratuíta.

No espazo Coworking de Monforte de Lemos os participantes recibirán, sen ningún tipo de custe para eles, asesoramento e un apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas. Os emprendedores atoparán un espazo de traballo en Expolemos con aulas e salas de reunións nas que recibirán formación e disporán dun mentor que os axudará a validar e lanzar o seu proxecto. Ademais poderán participar en diferentes obradoiros e eventos e estarán en contacto con especialistas en comunicación, finanzas e vendas, entre outras disciplinas.

O Alcalde, José Tomé Roca, lanza unha mensaxe para animar á xente a presentar as súas propostas: “a aceleradora de empresas vai ser unha moi boa oportunidade para impulsar novos proxectos na nosa comarca. Nun momento como o actual, precisamos máis que nunca ideas que permitan xerar novos postos de traballo”.

O espazo Coworking ofrecerá asesoramento durante 6 meses, aproximadamente. O programa está concibido para emprendedores que aínda non constituísen a súa empresa, pero ademais, poderán participar as persoas que estean nunha fase inicial de desenvolvemento do seu proxecto.

 

Desenvolvemento de diferentes tipos de actividades

Obradoiros: Asistencia de acceso libre (obrigatoria para os participantes do Coworking). Axúdase aos emprendedores a validar o modelo de negocio con metodoloxías áxiles, así como a desenvolver as habilidades imprescindibles para poñelo en marcha: “Lean Start Up: Avaliación e validación do teu plan de negocio”, “Crowfunding”, “Estratexias de comunicación en redes sociais”, “Creatividade e innovación”, “Como poñer en marcha un Plan de marketing dixital”, serán algún dos obradoiros que se celebrarán durante o 5º Coworking de Monforte.

Sesións de formación grupal: Dirixidas exclusivamente ós participantes do Coworking e xa que logo de asistencia obligatoria para os mesmos. Nelas traballaranse materias específicas para o impulso e despegue dos proxectos do espazo Coworking: “Finanzas para emprendedores non financeiros”, “Habilidades de comunicación”,  “Xestión do Talento nun proxecto emprendedor: deseña o teu equipo”, etc.

Mentorización: Os participantes do Coworking terán acceso a sesións de mentorización por parte de expertos centradas en acompañar ós emprendedores dende o deseño do modelo de negocio á posta en marcha e optimización do proxecto, dando resposta ás necesidades que xurdan no camiño.

Eventos: Celebraranse diferentes actividades encamiñadas a potenciar o networking e compartir “best practices”, contando coa experiencia doutros emprendores/expertos e empresarios. Asistencia de acceso libre. Como pechadura á edición celebrarase o “Demo Day” durante o cal presentaranse os proxectos participantes no espazo Coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.