Presentación do cartel do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2019

Monforte de Lemos, 7 de xuño de 2019. O Centro do Viño de Monforte de Lemos acolleu a presentación do cartel oficial da que será a terceira edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2019, evento que terá lugar no paseo do Malecón da cidade os vindeiros 5, 6 e 7 de xullo do presente ano. A presentación correu a cargo do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen estivo acompañado pola tenente de alcalde do Concello, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada.

 

 

A persoa que se encargou do deseño de dito cartel foi a artista coruñesa Teresa Candal, licenciada en Bellas Artes, na especialidade de Deseño Gráfico con máis de 10 anos de experiencia, que ademais é Deseñadora e Pintora, tendo no seu haber varias exposicións.

Deste xeito, o Alcalde explicou que “o cartel que finalmente seleccionamos de entre as propostas que nos fixo Teresa, é porque transmite unha imaxe sobria, serena. A autora, ideou un cartel dirixido a un público que disfruta do viño ou que ten curiosidade polo mundo do viño, tanto da xente do rural como do urbano.”

En canto á composición do mesmo, o rexedor municipal detallou que “o cartel idéase a partir dunha composición equilibrada, ubicando o viño dentro dunha copa limpa, sen adornos innecesarios, unha copa elegante que é o elemento central do cartel. Como color destacado utiliza o violeta Sacro ou burdeos, en alusión á Ribeira Sacra, ós seus viñedos, mosteiros e lugares de culto.” En canto ó fondo do cartel, este “é máis abstracto, co fin de destacar a copa como elemento central, e os tonos de fondo, como son os laranxas e amarelos, buscan destacar as cores do verán en Monforte cando secan os campos.”

O Alcalde tamén aclarou que os detalles definitivos do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2019 daranse a coñecer coa presentación do programa nos próximos días. Pero, tal e como reflexa o cartel, xa se anuncian as actuacións musicais que haberá na Praza de España, tanto o venres como o sábado, así como os obradoiros infantís, a artesanía, a gastronomía, as rutas turísticas e 20 adegas participantes.

Deste xeito, o venres 5 de xullo contaremos coas actuacións dos grupos Nova Galega de Danza e Habelas Hainas. O sábado 6 será o grupo The Teta’s Van, quen se encargue de animar un Festival que se concibe como un evento de degustación, dentro dun ambiente tranquilo, familiar ou de grupo, dentro dun turismo de calidade.

José Tomé rematou manifestando o seu desexo, así como o de todos os adegueiros participantes de “queremos que nos visite moita xente durante os tres días que vai durar o evento, que en definitiva debe supoñer o colofón a todas as feiras que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe”. Do mesmo xeito “a celebración deste evento pensamos que vai ser un reclamo importante para atraer xente a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra, co fin de contribuír a dinamizar a economía da comarca, particularmente o mundo do viño, a hostelería e o comercio”.

Para todo o relacionado co Festival do Viño, desde a organización do mesmo habilítase un correo e un teléfono de información específicos: