Monforte de Lemos, 14 de agosto de 2019. O Concello de Monforte colabora, un ano máis, co Club Voleibol Ribeira Sacra para poñer en marcha o Campus de Voleibol Ribeira Sacra Monforte, que este ano alcanza a súa 6ª edición.
O Alcalde, José Tomé Roca, explicou que “este Campus de Voleibol forma parte do Programa Deportivo de Verán que organiza o Concello de Monforte para este verán 2019, neste caso como evento deportivo organizado por un Club local co que o Concello colabora”.
Do mesmo xeito, o rexedor municipal explicou que “para o Concello de Monforte o deporte de base é unha prioridade dentro das súas políticas en materia deportiva por iso fai unha firme aposta por colaborar, dentro das súas posibilidades, con todos os eventos que se organicen e estean dirixidos ós nenos e nenas, rapaces e rapazas e idades de formación”.
Na presentación, acompañando ó Alcalde estiveron a Presidenta do C.V. Ribeira Sacra, Yolanda Maciñeiras, o Director Deportivo do Club, Manolo Martínez, e varios adestradores e adestradoras do Club.
O Campus celebrarase do 19 ó 23 de agosto no pavillón municipal de A Pinguela e está dirixido a nenos e nenas de 7 a 16 anos. O horario será de 10:00 a 13:30. Tal e como indicaron os organizadores do Campus, as 50 prazas xa foron cubertas, polo que se decidiu ampliar a 60 o número final de participantes.
Debido ó número de inscritos e á variedade de idades e nivel técnico dos participantes (algúns deles acceden por primeira vez á práctica do voleibol), o Campus contará cun amplo equipo de adestradoras internacionais e do propio club, coordinados por Manolo Martínez, entre as que estarán a actual adestradora de categorías inferiores do club Yoraxi Meleán, ou a xogadora internacional Carolina Camino. Completarán o plantel de adestradores Rebeca Krusse, tamén internacional, Oriol Aira e Noelia López. Deste xeito garantirase que a formación dos pequenos sexa a idónea. E é que Monforte segue sendo unha cidade que aposta pola canteira e que a converte nunha referencia para o voleibol en Galicia.
Tanto desde o Concello como desde o propio Clube agardan que o Campus sexa un éxito, que xa o é no que a número de inscritos se refire. Todos eles recibirán como agasallo unha camisola conmemorativa do Campus.