Monforte de Lemos, 09 de agosto de 2019. Na mañá de hoxe foi presentada a 3ª edición da Milla Urbana de Monforte de Lemos, que organiza a Asociación Deportiva A Gándara, e na que colabora a Concellería de Deportes do Concello de Monforte.
No acto de presentación estivo presente a 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, que estivo acompañada polo presidente do Club de Atletismo A Gándara, Rubén de Vicente, e do Delegado da Federación Galega de Atletismo en Lugo, José Manuel Peña.
Gloria Prada agradeceu “ó Club de Atletismo a Gándara a organización deste evento que ben a completar a oferta de atletismo popular que temos neste Concello que, ademais da importancia deportiva que ten, serve para que cheguen a Monforte visitantes doutros Concellos que aproveitan a visita para pasar o día e desfrutar de todo o que lles podemos ofrecer no noso Concello”.
Pola súa banda, tanto o presidente do Club como o o delegado da Federación agradeceron a implicación e axuda do Concello na organización do evento, e agardan que volva a ser un enorme éxito xa que “contamos con 200 inscritos, unha cifra similar á do ano pasado”.
III Milla Urbana de Monforte
Este domingo 11 de agosto a partires das 19:00 dará comezo esta 3ª edición da Milla Urbana, nun circuíto ubicado na rúa Reboredo.
A organización conta xa con arredor de 200 participantes inscritos procedentes de toda Galicia, así como doutros puntos como Euskadi e incluso Londres. Destacan os máis de 100 inscritos adultos na proba, o can indica o enorme interese suscitado pola proba, que é de carácter popular.
A proba contará con 8 categorías: Pitufos, que percorrerán 150 metros; Promoción e Sub-12, que farán a distancia de 600 metros; Sub-14, 16 e 18, que competirán na distancia de 1200 metros; e adultos, que o farán na distancia propia da milla, os 1.600 metros, neste caso, nun circuíto de 3 voltas ubicado na mencionada rúa Reboredo.
Haberá premios para todas as categorías, tanto para o primeiro, coma segundo e terceiro clasificados, tanto para homes como para mulleres.