Monforte de Lemos, 5 de setembro de 2019. A Concelleira de Cultura de Monforte de Lemos, Marina Doutón, ven de presentar a que será a oitava edición do Festival do Paradiso, que se celebrará Parque dos Condes da cidade do Cabe este sábado 7 de setembro a partir das 12 horas do mediodía.
Na presentación, a Concelleira estivo acompañada polos organizadores do festival, membros da Asociación Naufragos do Paradiso: Amaro Carretero, Alan Damián Rodríguez e Laura Fernández Vázquez, esta última da asociación FemForte, que colabora coa instalación no festival dun “punto lila” para atención e prevención contra a violencia machista, que se pode dar neste tioi de eventos.
O Festival do Paradiso é unha iniciativa que nace da Asociación Náufragos do Paradiso e conta coa colaboración do Concello de Monforte e da Deputación Provincial de Lugo. En verbas de Doutón “desde o Concello apoiamos este tipo de iniciativas, que serven para dar unha oportunidade ós novos talentos musicais, e que serven para levar, dentro da Programación do Verán Cultural do Concello, actividades ós diferentes barrios e zonas da cidade.”
A actividade do Festival dará comezo a partir das 12:00 horas, coa celebración dunha sesión vermú, un xantar popular e a continuación unha “Timba Poética” a micro aberto onde poderán participar todos aqueles que o desexen. Contará ademais cunha zona adicada á venda de vinilos e de artesanía.
O cartel do festival, segundo os organizadores, está inspirado no poeta Lois Pereiro, que aparece vestido de templario; e o cartel tamén recolle outros elementos de monforte como a ponte medieval ou a barca do río.
En canto ás actuacións musicais, todas elas de balde, serán as seguintes:
High Paw & Elephants Yard
The Dub Yard Records presenta un proxecto musical que mestura o reggae de raíz coa influencia da música urbana.
Elephants Yard é unha banda de veteráns da escena reggae galega que unen as súas forzas coa nova e prolífica cantante viguesa High Paw para crear un espectáculo potente e variado, onde viaxamos dende ritmos cálidos de Xamaica como o rocksteady ata sons máis modernos como o do hip hop. En 2018 realiza unha exitosa xira por México acompañada en varios concertos pola súa banda.
El Tarot de Thoth
Banda monfortina de versións clásicas do heavy formada por músicos procedentes doutros grupos da zona sur de Lugo: Tiji , Chemón (ex-Anger) e Adrián Levices (ex-Liviao de Marrao) ás cordas e completado por Ciego (batería) e Lore Vidal (vocalista).
Los Pontiaks
Formación viguesa cunha mestura de boogie, rock´n roll clásico, exótica e swing. Ademais do seu son rítmico e compacto tamén destacan pola súa estética en escea (esmóquines, caveiras e cascos prusianos). Unha combinación que manterá os vosos esqueletos en movemento.
The Lelli Kellys
Despois de 3 anos xirando por locais e salas do país, e de participar durante o 2018 en festivais como o Galegote Rock, o Festigal, ou o Verdoejo Art Rock entre outros, The Lelli Kelly’s ofrecen un directo que destila rock’n’roll clásico, punk e rythm&blues.
Cadela Asasina
Non podemos separarnos destas mozas e mozos que inda por riba de artistas son boa xente. Non hai foliada sen a Cadela!
Dj Darius Weis
Un ano máis contamos ca presenza do noso disc-jockey de cabeceira, Darius, que nos fará vibrar en diversos momentos da xornada co seu particular estilo.
Pablo Navas
Desde Compostela chega este músico logo de 10 anos percorrendo Galicia e máis de 1000 concertos nas súas costas. En 2018 saca adiante o seu primeiro álbum [Mundos Paralelos] envasados al vacío. Nos seus directos combina temas propios cun amplo repertorio de versións de pop e rock. Será o protagonista da sesión vermú do Festival.
Dúas Gamberras e un Micro
Proxecto de poesía oral e intervención escénica formado por Nuria Vil e Vanessa Glemsel. "Desde 2016, viaxamos de horta en horta pola xeografía movendo os marcos do literario e da improvisación a través da oralidade".
Tríptico Festival do Paradiso 19