Monforte de Lemos, 7 de outubro de 2019. Os empresarios das provincias de Lugo e A Coruña trasladáronlle esta mañá ó Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, a necesidade de que se electrifique na súa totalidade a liña básica de ferrocarril que une a capital da comarca de Lemos con A Coruña, pasando por Lugo.
En concreto, os líderes das citadas patronais, Jaime López (Confederación de Empresarios de Lugo) e Antonio Fontenla (Confederación de Empresarios de A Coruña) reuníronse en Monforte co titular da Deputación lucense para traballar xuntos co apoio de dita institución pública para conseguir a electrificación íntegra dunha liña, actualmente en marcha ata Lugo, que consideran necesaria e fundamental para o transporte de mercadorías, especialmente dende os portos de A Coruña e Ferrol tanto coa Meseta como con Europa.
Os empresarios entenden que Monforte ten potencialidade para converterse nunha plataforma loxística de primeiro nivel, polo que a electrificación da vía que une dita localidade con A Coruña suporía un gran apoio para o desenvolvemento da mesma.
Asimesmo, os empresarios afirman que o eixo ferroviario Palencia-Monforte-A Coruña forma parte da denominada rede básica, polo que pode optar ós fondos europeos "Conecta Europa" para a súa rehabilitación e conexión co Corredor Atlántico, adaptándoa así ó ancho europeo e electrificándoa a 25 KW para empezar a soportar tráfico de forma inmediata.
Tanto os empresarios de Lugo como os de A Coruña creen que é o momento oportuno de centrar esforzos en lograr redes de transporte eficientes e perfectamente interconectadas, así como interoperables e multimodais que garantan un fluxo correcto e eficiente tanto de pasaxeiros como de mercadorías.
Jaime López e Antonio Fontenla coincidiron co Presidente da Deputación lucense e Alcalde de Monforte que inverter en infraestruturas que nos conecten con Europa non só afianzaría o crecemento empresarial senón que axudaría a consolidar o desenvolvemento económico e a vertebración social do noso entorno.