O vindeiro luns, día 9, ábrese o prazo para inscribirse nas actividades do Programa Activa Monforte 2019

Monforte de Lemos, 6 de setembro de 2019. O Concello de Monforte porá en marcha este luns día 9 de setembro as actividades do Programa Activa 2019 que se desenvolverá nos meses de outubro, novembro e decembro tanto no Centro Cívico Social coma nas parroquias.

Os obxectivos do programa non son outros que favorecer o envellecemento activo dos seus participantes, promover o intercambio interxeracional e a participación social dos veciños e veciñas de Monforte.

Deste xeito, ofértanse un total de 22 actividades no Centro Cívico-Social, divididas en dous bloques segundo a idades (actividades para maiores de 55 anos e actividades para maiores de 14 anos) e 6 actividades nas parroquias.

Convócanse un total de 565 prazas das cales, 315 corresponden a actividades do Centro Cívico e 250 prazas ás parroquias.

As actividades desenvolveranse no período outubro-decembro de 2019 e terán unha duración total de 20 horas cada actividade.

As actividades son gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte e están subvencionadas ó 100 % polo Concello de Monforte.

 

Activa 2019 no Centro Cívico

As actividades ofertadas no Centro Cívico de Monforte son Ximnasia de mantemento (2 grupos), Ximnasia acuática (2 grupos), Conservando a memoria, Risoterapia, Manexo do móbil, internet e correo electrónico (2 grupos), Inglés para maiores, Artesanía e manualidades (2 grupos), Reciclaxe e costura creativa (2 grupos), Encaixe de paliños, Baile (nivel iniciación e perfeccionamento), Cociña consciente e saudable, Fotografía dixital, Beleza e saúde natural e Trucos e ideas para o día a día.

As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades do Centro Cívico poderán presentar a súa solicitude na Secretaría dos Servizos Sociais situada no primeiro andar de dito Centro Cívico Social (paseo do Malecón 26), no Rexistro situado na casa do Concello (Praza Campo de San Antonio s/n) ou na sede electrónica a partir dende este luns día 9 e ata o 20 de setembro.

 

Activa 2019 nas parroquias

As actividades ofertadas nas parroquias son Ximnasia de mantemento, Conservando a memoria, Manualidades, Baile, Risoterapia e Reciclaxe e costura creativa.

No caso das parroquias, serán os representantes destas os que soliciten a concesión dunha actividade das ofertadas. Os/as veciños/as interesados en participar na actividade dirixiranse ó responsable da parroquia para inscribirse na actividade concedida ata esgotarse as prazas. Os prazos de inscrición son os mesmos que no caso anterior, do 9 ó 20 de setembro.

 

 Catálogo de actividade Outubro-Decembro 2019

 Condicións para participar no programa ACTIVA Outubro-Decembro 2019

 Díptico Programa ACTIVA no Centro Cívico Outubro-Decembro 2019

 Díptico Programa ACTIVA nas Parroquias Outubro-Decembro 2019

 Inscrición Programa ACTIVA para o Centro Cívico Outubro-Decembro 2019

 Inscrición Programa ACTIVA para as Parroquias Outubro-Decembro 2019