Monforte de Lemos, 18 de abril de 2019. Falta xa moi pouco para o inicio da XVII Feira Medieval de Monforte que dara comezo esta fin de semana do 20 e 21 de abril. As previsións climatóxicas son boas, polo que esperamos que a Feira sexa todo un éxito.
Para non perder detalle de todas as actividades podes descargar o noso PROGRAMA:
Folleto XVII Feira Medieval Monforte
Este ano consolídase o Campamento Medieval, coa Asociación de Recreación Histórica Cabaleiros de Ulver, o cal desenvolverá multitude de actividades e obradoiros, e incluirá unha exposición de armeiros con armas de diferentes estilos, coleccións de indumentarias civís e utensilios do Medievo.
Por outra banda, consolídase tamén a ubicación do espectáculo de aves de rapiña e cetrería coa agrupación de “Águilas de Valporquero” que este ano vaise volver a realizar no Campo de San Antonio, un lugar axeitado para este tipo de espectáculos por ser unha zona cun espazo libre de cables que non dificultan o voo e que polo tanto non provocan estrés nas aves.
Do mesmo xeito, mantense a programación infantil para facer que os máis pequenos se interesen por estas celebracións medievais, ubicando o Campamento Infantil Medieval no escenario que xa se utilizou o pasado ano xunto ó Convento das Nais Clarisas, no que haberá diferentes xogos e torneos para os máis pequenos. E volverá a contarse coa Caravana de Burriñas que terá como campamento base a praza de Doctor Goyanes.
Unha das colaboracións importantes que ten o Concello para a celebración desta XVII Feira Medieval é coa Asociación de Artesáns de Monforte; eles encargaranse un ano máis da montaxe do estrado na praza de España para os diferentes actos e que cada ano está crecendo con novos elementos que amplían as instalacións.
Este ano, por terceira vez consecutiva haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira.
E tampouco faltarán as Xustas Medievais que especialmente atraen ó público máis xoven e que cada ano atraen a miles de visitantes que ateigan este este exitoso espectáculo. As Xustas seguirán tendo como escenario o campo de terra dos Pais Escolapios.
Novas actividades
A Feira Medieval contará, como cada ano, con novidades que pretenden facer máis atractivo o evento e consolidalo como unha referencia cultural e turística que cada vez atraiga a máis visitantes.
Neste senso, resaltar da programación a actuación de xigantes, bufóns e artesáns que continúa aumentando na praza de España. Concretamente ás 12 horas da mañá do sábado, uns preogeiros desenvolverán un espectáculo no que nos informarán do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, dándolle paso ó saúda do Alcalde para declarar aberta a XVII Feira Medieval de 2019 de Monforte.
Dado que é todo un éxito a actividade do sábado pola noite na que os visitantes suben ata San Vicente, este ano auméntase o número de fachos de 160 a 200, que serán repartidos no Campo da Virxe e subirán a ritmo de tambores e música ata a praza Luís de Góngora onde posteriormente se procederá á solta de faroliños de papel como en anos anteriores.
Haberá tamén un aumento dos espectáculos na rúa, como figura no programa producíndose entre o sábado e o domingo un aumento de 6 espectáculos.
Ademais das descritas, unha das novidades importantes é que na praza de España haberá un espectáculo diferente que será realizado por acróbatas que deleitarán con diferentes números combinados de artes de acrobacia e técnicas aéreas.
Ó mesmo tempo, espectáculos de lume seguirán tendo un protagonismo importante na Feira Medieval e este ano farase un novo espectáculo combinado de técnicas de manipulación de lume e a maxia da pirotecnia fría con música, danza e malabares, culminando cun momento máxico que será a queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta dos faroliños co que finalizarán as actividades do sábado.
Este ano ampliase a decoración da Feira Medieval en 5 rúas ou zonas da cidade, como vai ser na rúa Hortas, Doctor Casares ata o IES Daviña Rei, Costa da Pena, zona do Parador e unha nova decoración na Torre da Homenaxe.
En relación co Parador, recupérase a Cea Medieval no Parador de Turismo. Todos os interesados deberán facelo a través do 982418484 ou en monforte@parador.es.
Non perdas detalle de todo o que hai para disfrutar dunha intensa fin de semana en Monforte. Ven e viaxa ao noso pasado medieval!!