O Concello presenta o vídeo e o cartel da XVII edición da Feira Medieval, que se celebrará o 20 e 21 de abril

Monforte de Lemos, 22 de marzo de 2019. O Alcalde, José Tomé, deu a coñecer a campaña promocional da décimo sétima edición da Feira Medieval de Monforte, un evento que se celebrará os vindeiros 20 e 21 de abril. Durante a roda de prensa o rexedor estivo acompañado da concelleira de Cultura, Marina Doutón, do produtor Iván Patiño, e do deseñador do cartel Xosé Quiroga.

José Tomé resaltou que desenvolveremos unha “campaña de promoción igual de intensa que a que fixemos o ano pasado, a pesares de que a Xunta de Galicia non concedese a Monforte a declaración de feira de interese turístico galego, exclusivamente por motivos políticos”.

Ademais, o Alcalde adiantou que “nesta décimo sétima edición temos unhas 150 solicitudes para a instalación de postos, o que supón un número moi alto en relación con outros eventos doutras cidades”.

 

 

Vídeo e cartel para a promoción da Feira Medieval

As imaxes do vídeo que se presentou hoxe foron filmadas durante a Feira Medieval do pasado ano e un ano máis, o traballo leva a sinatura de Iván Patiño, produtor de Amanita Films.

O vídeo promocional vaise difundir a través do mupi do Cardeal, da web e redes sociais do Concello e tamén dende a web do Eixo Atlántico. Este organismo vaise encargar de distribuílo ós 38 concellos que conforman a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O texto que constitúe o fío narrativo do vídeo é obra do cineasta galego Luís Avilés Baquero, fillo do ilustre escritor de Noia, Antón Avilés de Taramancos, ó que Monforte ten adicado unha rúa. O actor que representa ao camiñante-peregrino protagonista do vídeo que chega a Monforte cruzando a Ponte Medieval, é Miguel Borines, un actor vigués que ten traballado en varias series de televisión, entre outras facetas.

Pola súa parte, o Alcalde, en relación ao cartel deseñado por Xosé Quiroga, indicou que Nun ano en que a sociedade está moi sensibilizada con todo o relacionado cos dereitos da muller, un ano no que aprobamos o Plan de Igualdade municipal, o Concello de Monforte é sensible a todo isto, e quixemos que a figura da muller tivera unha presenza central no cartel, mantendo outros elementos identificativos de Monforte como é a TAU, a Muralla, a igrexa de Régoa ou a Torre da Homenaxe”. E do mesmo xeito, indicou que no cartel  “ten relevancia a presenza dunha aguia real, porque o espectáculo de cetrería, vai ser de mais impacto que en anos anteriores, e ademais, según saiu publicado hai uns días, mesmo parece que a aguia real pode anidar na Ribeira Sacra.”

 

Máis publicidade

O mandatario local engadiu que ademais haberá insercións publicitarias tanto en medios locais como provinciais e autonómicos, tanto nos xornais como nas emisoras.

“Realizaremos un reparto do cartel en todos os establecementos comerciais, e tamén imos encargar o seu reparto por toda a comarca e nas principais cidades de Galicia”, detallou o Alcalde, así como na vindeira feira do viño de Sober, que terá lugar o 13 e 14 de abril.

O Alcalde anunciou finalmente que a presentación do Programa oficial da Feira Medieval o “darase a coñecer nos próximos días 6 e 7 de abril, cando estea pechada a asignación de postos e durante a celebración do mercado medieval que terá lugar nas datas antes citadas na Praza de Abastos.”

 

O VÍDEO PÓDESE VER NO SEGUINTE ENLACE:

Vídeo da Feira Medieval

Cartaz XVII Feira Medieval 2019