Monforte de Lemos, 16 de febreiro de 2019. O Concello de Monforte está levando a cabo unha política de posta en valor dos recursos turísticos da cidade, neste caso recursos paisaxísticos, relacionados co Canón do Sil e a viticultura.
Tras levar a cabo o pasado ano unha completa sinalización do Miradoiro do Duque, tanto na estrada de Castro Caldelas como en diferentes zonas da cidade, agora o Concello vai acometer a súa reforma integral para facelo máis atractivo, máis seguro, máis amplo e con máis información.
O Miradoiro do Duque ten a mellor situación xeográfica do Canón do Sil, pois está ubicado na ladeira que debuxa unha pequena curva sobre o río Sil, e deste xeito permite visibilizar unha ampla zona da Ribeira Sacra a ambos lados, xusto enriba do embarcadoiro da Deputación.
Reforma integral do Miradoiro do Duque
Para a realización desta obra o Concello conta xa coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. A licitación da obra xa está aberta e publicada na Plataforma de Contratos do Ministerio de Facenda e ascende a un importe de 66.199,25 euros, que se financia con fondos do GDR e fondos municipais. O procedemento desta licitación é por concurso aberto. E a mesa de contratación reunirase o día 27 de febreiro ás 9:30 horas para abrir as diferentes ofertas das empresas que se poidan producir.
Con esta obra “pretendemos que, ó mesmo tempo que se leva a cabo unha ampliación e mellora, tamén queremos dotar ó Miradoiro dun deseño máis actual, ampliar as zonas onde se pode contemplar a paisaxe e aumentar a súa lonxitude no plano horizontal da súa pendente na ribeira do Sil, de xeito que os puntos de observación gañen altura sobre o terreo escarpado aumentado así a sensación de baleiro e o seu atractivo”, declara o Alcalde.
Ata o de agora, o Miradoiro solo tiña un punto de observación cun balcón de pequenas dimensións e cunha capacidade insuficiente para a acollida de grupos de visitantes como poden ser as excursións. Do mesmo xeito, as varandas actuais están formadas por postes verticais de madeira de pino tratado, con pasamáns do mesmo material situado a 1 metro de altura e 3 cables de aceiro entre o pavimento e o pasamáns, o que supón un déficit na seguridade do mesmo.
Na zona do Miradoiro, actualmente tampouco existe ningún panel informativo que oriente ós visitantes e lles indique as zonas que se poden ver desde alí, e os convide deste xeito a visitalas, dentro da labor de difusión do conxunto da Ribeira Sacra.
José Tomé Roca resalta que “con esta proposta pretendemos mellorar a capacidade de acollida para grupos de visitantes e ó mesmo tempo potenciar o atractivo turístico da zona, e para elo executarase un novo miradoiro con dúas zonas desde onde contemplar a paisaxe, que se estenderán sobre a actual pendente da ladeira”.
Melloras técnicas
Con esta actuación substitúese á actual planta trapezoidal por outra deseñada con laterais paralelos e de maior anchura, alongándose sobre a ladeira e mantendo a orientación cara o leste. Para iso colocarase unha estrutura de aceiro voada sobre a ladeira fincada nunha cimentación oculta de formigón armado.
Na zona suroeste da ladeira, colocarase outro novo punto de observación de planta rectangular rematado nunha plataforma semicircular, desde onde contemplar as singulares postas de sol que, dada a súa altitude, son as máis fermosas da Ribeira Sacra. Este novo punto de observación estará voado sobre a ladeira mediante unha estrutura metálica igual que no caso anterior.
As varandas de protección serán de chapa de aceiro e non quedarán ocos polos que poida introducirse un obxecto superior a 10 cm. de diámetro para evitar problemas de caída, sobre todo de nenos.
O pavimento será de táboas fixadas a un armazón metálico soportado pola estrutura que voa sobre a ladeira. Todo isto leva a que a superficie destinada a contemplar as incomparables paisaxes do canos do Sil aumentan considerablemente co novo miradoiro.
O acceso ás dúas plataformas do miradoiro resolverase con pavimento de lousa sobre soleira de formigón, segundo permita a orografía do terreo pero sen superar a pendente do 10 por cento para evitar posibles esvaróns e con anchos superiores a 1,50 metros facilitando así o acceso ás persoas con mobilidade reducida ou en cadeira de rodas.
Por este motivo, ensancharase o acceso actual paralelo á caseta ata acadar un metro e 70 cm., prolongándose ó mesmo tempo ata enlazar coa zona de aparcamento, actualmente de terra, facilitando deste xeito o acceso ó miradoiro sobre todo cando o tempo estea chuvioso.
No novo miradoiro, no espazo existente entre os dous palcos, colocarase un panel informativo da paisaxe que se pode contemplar, e un banco sen respaldo con dobre cara onde se poderá descansar e observar a paisaxe existente en toda a contorna do miradoiro.