O Concello de Monforte informa da adxudicación e inicio das obras de mellora na iluminación e accesos do Parque López Suárez

Monforte de Lemos, 14 de outubro de 2019. O Concello de Monforte ven de adxudicar unha obra que permitirá mellorar as infraestruturas municipais, neste caso as do Parque municipal López Suárez. Do proxecto de mellora e do inicio das obras deu conta hoxe o Alcalde da cidade, José Tomé Roca, acompañado do concelleiro de Servizos, José Luis Losada.

Actualmente existe no parque López Suárez unha instalación espallada en toda a zona de parque e ó redor da zona deportiva, con luminarias tipo proxectores en mal estado sobre a estrutura da pista e luminarias tipo globo sobre columnas baixas, tamén en mal estado e de alta potencia. Por outra banda, os accesos e contona do parque tamén presentan deficiencias que é necesario mellorar.

Deste xeito, dende o Concello de Monforte proxectouse un importante acondicionamento do Parque López Suárez, consistente na reforma da instalación de iluminación xeral do Parque, das zonas recreativas e do parque infantil, dos paseos do parque e da cancha cuberta. Inclúese así a adecuación dos paseos e dos arredores do parque infantil e a creación de dúas zonas de acceso adecuadas á pista cuberta.

Todo isto ten como obxecto mellorar a eficiencia enerxética das instalacións de alumado e proporcionar un adecuado servizo, e acondicionar a área recreativa en xeral para mellorar a conservación desta zona da beira do Río Seco, fomentando así a conservación da biodiversidade e poñendo en valor estas zonas naturais.

Polo tanto, o proxecto de mellora consiste nas seguintes actuacións:

  • Unha instalación de alumado do área recreativa, mellorando a iluminación tanto da pista deportiva, coma do parque infantil e os paseos en xeral, creando unha instalación cunha elevada eficiencia enerxética, o que permitirá unhas reducidas emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, así como un aforro económico importante. Tamén permitirá obter unhas prestacións das instalacións adecuadas, uns niveis de iluminación axeitados, ós espazos que iluminan.
  • A adecuación dos paseos existentes e das zonas ó redor do parque infantil e a creación de dous accesos dende a beirarrúa á pista deportiva.

 

Alumeado exterior

No que se refire ó alumeado exterior, procederase dende hoxe á retirada da instalación de alumado existente, incluíndo as luminarias, as columnas e as cimentacións existentes. A solución adoptada considérase a máis favorable, xa que as lámpadas existentes son lámpadas de moito menor eficiencia enerxética que as luminarias que se van colocar. En concreto, acometeranse as seguintes actuacións:

  • A instalación de novas columnas para as luminarias proxectadas, incluíndo cimentación, arquetas e cruceta na súa parte superior para a instalación nas mesmas dos proxectores.
  • A instalación de soportes encostados á estrutura da pista cuberta, na súa parte superior, para a instalación nos mesmos de proxectores e luminarias.
  • A eliminación de tecnoloxía obsoleta, de baixa eficiencia enerxética e alto costo económico, para instalar proxectores de nova tecnoloxía LED, máis avanzada, con obxecto de reducir o consumo e aumentar a eficiencia enerxética das instalacións.
  • A reforma do cadro de mando que contará coas proteccións necesarias, incluída protección contra sobretensións transitorias (descargadores), conectadas á toma de terra. O cadro tamén será dotado de encendido por reloxo astronómico.
  • A substitución do cableado, xa que se atopa en mal estado e non permite garantir a seguridade das instalacións, porxectándose a realización de novas liñas eléctricas de alimentación ós proxectores mediante cableado subterráneo RV-K en Cu 4x6 mm2 TT 16 mm2, e cableado baixo tubo na instalación en montaxe superficial na instalación da pista cuberta, de 2,5 mm2 de sección, designación RZ1-K 5 x 2,5 mm2.
  • As canalizacións para a alimentación da instalación de alumado público exterior.

 

Adecuación de arredores e pistas de acceso ó Parque López Suárez

No que se refire ós accesos e entorno do propio parque, as actuacións que se levarán a cabo serán:

  • A realización de dous accesos á pista polideportiva, un de 3 metros de ancho, en formigón impreso dende a beirarrúa, e a realización, tamén en formigón impreso, dun camiño de 2 metros de ancho para o acceso á pista deportiva, xa que neste momento lévase a cabo atravesando unha zona de céspede que se atopa, por conseguinte, en mal estado.
  • A instalación ó redor do parque infantil dunha franxa de céspede artificial.
  • A adecuación dos paseos existentes no área recreativa, mediante a limpeza dos mesmos e a instalación neles de zahorra compactada igualada cos terreos de arredor, creando  melloras nos paseos peonís existentes.

O Alcalde salientou que “para esta obra, habíamos solicitado unha axuda á Xunta de Galicia que nos foi denegada. Eu como Alcalde adquirín o compromiso cos veciños da zona da Estación de que, con axuda ou sen ela, a obra faríase finalmente financiada con fondos municipais, de tal xeito que no orzamento que aprobamos no mes de xullo contemplamos a financiación necesaria para acometer estas melloras no Parque López Suárez, cumprindo así o compromiso que adquirín cos monfortinos que viven nesta zona da cidade”.

Con estas obras de mellora, concluíu o rexedor municipal, “dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte, creemos que ambas actuacións mellorarán considerablemente a eficiencia enerxética das instalacións de alumado do Parque López Suárez e servirán para acondicionar os accesos e contornas desta área recreativa. Con elo, contribuiremos a mellorar a conservación desta zona da beira do Río Seco, fomentando a conservación da súa biodiversidade e poñendo en valor esta importante zona natural da cidade”.