Monforte de Lemos, 19 de novembro de 2019. Mañá 20 de novembro de 2019 celébrase o 30 Aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno, o tratado de dereitos humanos máis ratificado do mundo e a guía de traballo para lograr o cumprimento dos dereitos de todos os nenos e nenas.
UNICEF recomenda para conmemorar este día tan importante que as cidades e vilas de todo o mundo se iluminen de azul, de tal xeito que amosemos entre todos o esforzo compartido para que os dereitos da infancia se vexan cumpridos en todo momento e todo lugar. Un día relevante para amosar os avances conseguidos e unha oportunidade para chamar a atención á cidadanía sobre a situación da infancia máis desfavorecida, dando a coñecer os seus dereitos e concienciando sobre a importancia de traballar polo seu benestar e desenvolvemento.
Deste xeito, dende o Concello de Monforte iluminarase de cor azul, mañá mércores, ao caer a noite, un dos monumentos máis emblemáticos da cidade, a fachada do Colexio dos Escolapios.