O Concello de Monforte de Lemos adhírese ao Protocolo para a protección das vítimas de violencia de xénero

Monforte de Lemos, 3 de maio de 2019. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, copresidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade na que se aprobou a adhesión deste municipio ao Protocolo para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero.

A subdelegada do Goberno deu conta de que “co acordo adoptado hoxe na Xunta Local de Seguridade, o Concello de Monforte dá o primeiro paso para adherirse ao Protocolo de colaboración e coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os Corpos de Policía Local para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero”.

“Penso que todos nos debemos alegrar de que un Concello da importancia que ten na provincia Monforte se implique deste xeito na loita contra a violencia de xénero, e na protección das vítimas, pois todas as institucións somos necesarias para acabar con esta lacra e só coa colaboración de todos administracións, forzas de seguridade  e sociedade poderemos facerlle fronte”, manifestou a subdelegada.

Pola súa parte o alcalde, José Tomé, destacou que, “a pesar de que Monforte é unha cidade tranquila, a violencia de xénero é un tema que nos preocupa especialmente. Por iso decidimos a inclusión de Monforte no Programa Viogen e a Policía Local vai colaborar coa Policía Nacional neste problema”,

Ademais, o alcalde explicou que “aproveitei para falar coa subdelegada e o comisario xefe provincial da Policía Nacional sobre a situación do futuro edificio que albergará a sede da nova comisaría de Monforte. Informeilles dos trámites que estamos levando a cabo para trasladar o servizo de drogodependencias do edificio de sanidade,  despois procederemos a adoptar un acordo plenario no que se faga efectiva a cesión ó Ministerio do Interior de dito edificio con destino a albergar a nova comisaría”.

O alcalde tamén solicitou á Subdelegada e ó Comisario Provincial que se traten de cubrir as vacantes que existen na Comisaría Nacional de Policía e informoulles do esforzo que está facendo o Concello por cubrir a totalidade da plantilla da Policía Local que neste intre ten en período de formación a 3 novos axentes na Academia Galega de Seguridade Pública de A Estrada.

Do mesmo xeito, iniciouse o expediente para o concurso de traslado das novas vacantes. En poucos meses serán 5 os novos policías locais que se incorporen á Policía Local de Monforte.

Ademais disto o Concello tamén contratará 6 policías auxiliares durante 6 meses, que prestarán o seu servizo  dende o mes de maio ata o mes de decembro, prestando os seus servizos de xeito escalonado.

 

Datos violencia de xénero

No sistema de Seguimento Integral (VIOGEN), o número total de casos activos de mulleres con domicilio en Monforte de Lemos aos que realiza seguimento actualmente a Policía Nacional é de 30. Delas, 4 están consideradas de risco medio, 13 de risco baixo e outras 13 de risco non apreciado.

O número de denuncias por malos tratos presentadas en Monforte no primeiro trimestre deste ano é de 6 e no mes de abril rexistráronse outras 2. En 2018 foran 38.