O Concello de Monforte continúa a próxima semana coa campaña de concienciación cidadá sobre reciclaxe e separación de residuos

Monforte de Lemos, 14 de decembro de 2019. A campaña  de concienciación cidadá sobre reciclaxe e separación de residuos, organizada polas concellerías de Medio Ambiente e Servizos, e que tivo lugar en Monforte do 18 ó 22 do pasado mes de novembro, terá continuidade a vindeira semana na cidade do Cabe, concretamente do luns 16 ó venres 20 de decembro.

A campaña ten por obxectivo informar ós veciños e veciñas de Monforte sobre as claves para levar a cabo unha axeitada reciclaxe dos residuos que se xeran no fogar. Para elo, dende o Concello levouse de novo a cabo unha campaña publicitaria, coa publicación de anuncios en prensa, cuñas en radio, paneis informativos nos centros educativos da cidade, e pancartas nas principais entradas da cidade.

Do mesmo xeito, volverá a habilitarse un stand informativo, no que un monitor medioambiental informará ós cidadáns sobre o contido da campaña, repartindo para elo trípticos informativos.

Baixo o lema “Reciclar é un xogo de nenos, separa os teus residuos”, a campaña incide especialmente no tipo de residuos que se deben depositar en cada un dos colectores específicos que para elo pon o Concello a disposición dos cidadáns:

  • Contedor azul: no que se poden depositar todo tipo de produtos de papel: revistas, follas, xornais, caixas de cartón, envoltorios... E nel non se pode depositar nada que non sexa de papel ou cartón, por exemplo, bolsas de plástico, briks, envases, etc.
  • Contedor amarelo: é o que recolle os envases de plástico, como botellas de auga, briks de zume ou leite, latas de refresco, conservas, etc. Neste colector non se poden depositar residuos tales como CD’s, roupa, bombillas, residuos orgánicos ou produtos contaminantes.
  • Contedor verde: o destinado ós envases de vidro, tales como botellas ou tarros. Non admite todo aquelo que non sexa vidro: tapóns e tapas dos tarros, cristais de espellos, ventás...

 

O stand informativo ubicarase en distintas zonas da cidade de Monforte co obxectivo de chegar ó máximo número de cidadáns posibles. Todos os cidadáns que desexen recibir información no mesmo poderano facer do 16 ó 20 de decembro, en horario de 9 a 14 horas. Deste xeito, o stand estará situado nas seguintes localizacións:

 

  • Explanada da Compañía: luns 16 de decembro.
  • Rúa do Cardenal: martes 17 de decembro.
  • Campo de San Antonio: mércores 18 de decembro.
  • Praza da Estación: xoves 19 de decembro.
  • Rúa do Cardenal: venres 20 de decembro.