Monforte de Lemos, 8 de febreiro de 2019. As obras para a instalación e mellora da iluminación pública da rúa Morín deron comezo hoxe. A actuación prevista, que vai desde a rúa do Caneiro e ata a residencia do Morín, consiste na eliminación da actual tecnoloxía e na instalación de luces LED, que permitirán unha alta eficiencia enerxética. En verbas do mandatario local “o noso obxectivo é mellorar a iluminación e reducir o consumo enerxético e polo tanto, o económico, optimizando os niveis de iluminación, máis axeitados para as empresas e as vivendas”.
As instalacións actuais teñen un consumo anual de 66.906 kwh. Coas novas luminarias o consumo previsto baixará ata 19.172 kwh anuais, unha diferenza de 47.733 kwh por ano. Esta cifra tradúcese nun aforro económico para o Concello de Monforte de case 7.000 euros anuais, o que se corresponde co 71% da factura de dita rúa Morín.
Por outra parte, a nova instalación vaise traducir nun aforro económico, enerxético e de emisións de CO2 á atmósfera do 71’34 % ó ano. A actuación programada contempla a reforma das seguintes instalacións:
- Cadro de mando e protección, e instalación de posta a terra.
- Eliminación das actuais luminarias ó longo da rúa Morín, que son de vapor de sodio e de baixa eficiencia enerxética, por outras novas de tecnoloxía LED, que son de alta eficiencia enerxética.
- Cambio na disposición dalgunhas das luminarias para acadar unha iluminación máis axeitada, con novos apoios, cimentacións e luminarias. Os báculos tamén serán todos novos.
A obra foi adxudicada á empresa monfortina Construcciones y Montajes Eléctricos Santos Héctor S.L., cunha inversión de 83.490 euros. Con este proxecto, puntualiza José Tomé Roca, “chegamos ata a residencia do Morín, pero a nosa vocación é continuar no futuro dende a residencia ata o final da recta en Ribasaltas, como así xa llo explicamos no seu día ós veciños desa parroquia.”
Mellora da iluminación pública
Dende que comezou o mandato do Alcalde en 2015, o actual Equipo de Goberno mellorou a iluminación en máis dunha trintena de rúas e cando rematen as que están en obras ou en licitación, serán máis de 50 as rúas da cidade que terán unha boa iluminación. Estas melloras tamén supoñen a colocación de máis de 200 farolas nas parroquias.
A da rúa Morín é a primeira obra de iluminación que o Concello realiza na zona da Estación pero acometeranse outras, o que vai facer que este barrio experimente unha transformación da iluminación pública moi importante.