O Auditorio Multiusos acolle mañá o concerto da Orquestra de corda de grao profesional do Conservatorio de Música de Ourense

Monforte de Lemos, 24 de abril de 2019. O Auditorio do Edificio Multiusos de Monforte acolle mañá xoves 25 de abril a partires das 7 da tarde a celebración dun concerto a cargo da Orquestra de corda de grao profesional do Conservatorio de Música de Ourense, dirixida por Raquel Carrera Álvarez.

Programa

W. A. MOZART:

Concerto para Piano e Orquestra en La M K.414

Allegro

Andante

Allegretto

Piano: Dª Purificación Iglesias Pateiro

F. J. HAYDN:

Sinfonía nº 45 en Fa# menor (“Os Adeuses”)

Allegro assai

Adagio

Menuet: Allegretto

Finale: Presto-Adagio

 

A Orquestra

A Orquestra de Corda do Conservatorio Profesional de Música de Ourense está composta por alumnado do Departamento de Corda frotada do Grao Profesional, como materia obrigatoria do seu currículo e sendo as especialidades instrumentais que a configuran o violín, a viola, o violoncello e o contrabaixo.

A Orquestra pasou por diversas etapas no que a funcionamento, organización, repertorio e estabilidade se refire. E é así que a día de hoxe podemos dicir que baixo a batuta do anterior director Gustavo Barcia e fundamentalmente da súa actual directora Raquel Carrera Álvarez, lográronse os mellores resultados. Ademais non podemos esquecer o labor tan arduo que durante os primeiros catro cursos desenvolve a directora da Orquestra de Grao Elemental Rosa de la Vega como preparación ao traballo posterior na Orquestra de Grao Profesional.

Nestes últimos anos, a Orquestra expuxo diversos programas de concerto tratando de abarcar todos os estilos musicais, realizando concertos con diferentes instrumentos solistas, con coro, etc., para tratar de formar o noso alumnado de corda no amplo abano musical.

A Directora da Orquestra: Raquel Carrera

Profesora de violín e orquestra no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, violinista concertino na Orquestra Clásica de Vigo, saxofonista e subdirectora da Banda de Música da Asociación Musical Reveriano Soutullo de Ponteareas. Tocou coa Orquestra de Cámara do Conservatorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, coa Orquestra Sinfónica do Sur de Galicia, na Joven Orquesta da Sinfónica de Galicia, coa Ensemble 430, coa Orquestra Clásica de Vigo e coa Joven Orquesta Nacional de España, con algunhas das cales participou como solista en varias ocasións. Ademais participou con numerosos grupos de música de cámara moi variados. Actualmente compaxina o seu labor docente coa de Xefa de Estudos do Conservatorio.

A pianista: Purificación Iglesias

Iniciou os seus estudos no Conservatorio de Ourense, continuounos no Conservatorio Superior de Música de A Coruña e completou a súa formación en Barcelona e en Xenebra onde acadou o Certificado de Estudos Superiores. Posúe o 3º Premio do Concurso Nacional de Xoves Interpretes celebrado en Vigo, o 2º Premio Fin de Grao e a Matrícula de Honra no curso 9º. Realizou concertos pola xeografía galega, por Alemaña e en Arxentina.

Actualmente e profesora de piano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense e compaxina o seu labor docente coa de Dirección do Conservatorio.