O Alcalde presenta o Orzamento de Monforte para o ano 2019

Monforte de Lemos, 28 de xuño de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, deu a coñecer na tarde de hoxe aos medios de comunicación os detalles do que será o Orzamento do Concello do ano 2019 quen sinalou que  “o día 26 de novembro levamos a Pleno o Orzamento para o ano 2019, que foi rexeitado pola oposición, causando un prexuízo importante ós Clubs deportivos e ás Asociacións sociais, culturais e comerciais, sen ter en conta outros efectos negativos sobre as inversións.”

Tras recibir a confianza nas pasadas eleccións municipais dos veciños da cidade, era un dos compromisos adquiridos do Alcalde presentar a Pleno dito Orzamento no mes de xullo co obxectivo de “que os monfortinos, asociacións e clubs deportivos poidan cobrar as axudas no propio ano 2019 e non se vexan prexudicados perdendo unha anualidade como ocorrería se non aprobamos o orzamento.”

Deste xeito, o pasado día 26, foi entregado aos grupos da oposición o proxecto de orzamento e convocada a Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas para ditaminar o presuposto, comisión que se reunirá o día 1, para aprobalo posteriormente no Pleno do próximo día 4 de xullo, as 20 horas.

O Alcalde sinalou que a previsión de ingresos para 2019 é de 12.933.051,10 €, o que supón un incremento de 304.950,17 €, que representa un 2,42% de crecemento. E salientou que “por primeira vez na historia democrática do Concello de Monforte non se vai solicitar ningún crédito bancario, porque a idea do Goberno Municipal é a de acadar a débeda 0, é dicir, que o Concello de Monforte non deba nin un euro ós bancos, e que polo tanto, os monfortinos sexamos cidadáns sen débeda pública”.

Descrición orzamental por áreas

Persoal: este ano 2019, preténdese ter cubertas e ou convocadas todas as prazas da Policía Local, para tratar de normalizar unha situación que levaba moitos anos en precario.

 

Festas: unifícase nunha sola área de gasto a programación cultural do verán e as Festas Patronais producíndose un incremento de 16.000 €, pasando dos 265.000 € en 2018 a 281.000 € en 2019.

Tamén se aumentou a Feira Medieval en 12.000 €, para darlle cada vez máis impulso e que consolide o prestixio de cara á declaración de Feira de Interese Turístico de Galicia.

Inclúese dun xeito directo o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, cunha partida de 70.000 € que xunto coa axuda de 40.000 € da Deputación suman os 110.000 € que custa o Festival no seu conxunto, facendo unha xestión económica rigorosa e tendo a proxección de que no próximo ano 2020, o evento sairá máis barato dado que os stands solo terán o custe da montaxe e desmontaxe, o que abaratará o custe do evento entre 20.000 e 30.000 euros menos.

 

Transporte urbano: tamén aumenta con motivo do Concurso do novo servizo de bus urbano que este ano pasa de 67.000 a 74.000 €, dado que solo afectará a unha parte do ano, para o próximo ano acadará os 89.000 €.

Hai a vontade de continuar prestando dende o Concello un servizo ás familias co transporte escolar, que duplica o seu custe, dado que o colexio de A Gándara e o Colexio Novo, van ter horarios diferentes, pasando a necesitar un autobús para cada colexio, o que significa que pasamos de 13.750 € a 27.000 euros.

 

Drogodependencias: increméntase o seu orzamento en 12.000 €, para tratar de dar o mellor servizo posible ás persoas que caeron na lacra das drogas.

 

“Para este Equipo de Goberno”, en verbas do Alcalde “a atención ás persoas é un pilar fundamental da nosa xestión como Goberno, e por iso melloramos os servizos sociais en varios aspectos”:

 

  • Aumento en 40.000 euros os fondos destinados a axuda a domicilio.
  • Incremento o diñeiro destinado para emerxencias sociais en 10.000 euros máis con relación a 2018, pasando de 35.000 a 45.000 euros en 2019.
  • Mantemento da partida para combater a pobreza enerxética con carácter flexible por se fose necesario aumentala con outras partidas.
  • Creación dunha nova praza dunha Traballadora Social, financiada en 2/3 polo Concello e 1/3 polo Plan Concertado, co obxectivo de dar un mellor e máis rápido servizo ás persoas que necesitan dos servizos sociais do Concello.

 

Do mesmo xeito, o Alcalde destacou outras accións previstas no Orzamento tales como desbrozar a maleza do contorno de San Vicente, como un atractivo turístico importante, que se realizará durante o mes de xullo; dotar dunha partida suficiente para montar o actual obradoiro e tamén para a segunda parte da Pinguela II, co fin de rematar o acondicionamento das instalacións formativas do obradoiro da Pinguela. E mantéñense todas as axudas nominativas que viña habendo cada ano, e ademais de engadir outras 3 máis, como é a Coral de Rente, o Museo da Casa das Muñecas e a Asociación Carude Rock.

En relación co deporte, inclúese o último 25% de axuda ós Clubs deportivos, duplicando o que recibían no ano 2015, pasando de 51.950 € a 109.822,50 €, o que supón un aumento do 111,40 %. Ademais este ano inclúense a dous novos clubs, como son o Club Ciclista Monforte e o Club de Pesca Río Cabe.

Deste xeito “cumprimos o noso Compromiso de duplicar as axudas ó deporte, ademais das colaboracións puntuais, en función das actividades nas que se participa”, manifestou o rexedor municipal.

En relación cos investimentos, “imos continuar coa nosa forma de traballar, mellorando as rúas da cidade e as pistas do rural, coidando o Medio Ambiente e dotando á cidade de alumeado público que merece Monforte.”

En resumo, o Alcalde definiu este Orzamento en 5 grandes liñas:

 

1ª- É o orzamento de cumprir o compromiso de aprobalo no mes de xullo.

2ª- Son uns orzamentos sociais, porque síguese incrementando a axuda a domicilio e as emerxencias sociais.

3ª- Mantense o investimento para seguir mellorando a Cidade e o Concello no seu conxunto, tal como anunciaremos nos próximos días.

4ª- Apóstase claramente pola promoción económica, mellorando a Feira Medieval, consolidando o Festival do Viño, continuar mellorando as Festas Patronais e a promoción turística no seu conxunto.

5º- Son os orzamentos da ilusión, porque devólvenlle a ilusión ós Clubs deportivos, ás asociacións sociais, culturais, comerciais ou da hostalería.