Monforte de Lemos, 30 de outubro de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou esta mañá na sala de exposicións da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro a exposición fotográfica “Descubre Sefarad”. No acto estivo acompañado pola primeira Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, e o técnico de cultura, Carlos Rodríguez.
Esta exposición itinerante está promovida pola Rede de Xuderías de España e supón un percorrido polas cidades que integran esta Rede, entre as que se atopa Monforte de Lemos.
A mostra está formada por 23 imaxes de gran formato que reflexan e capturan a riqueza da herdanza xudía das cidades que integran a Rede. As imaxes veñen acompañadas dun pequeno texto que destaca a esencia xudía de cada unha delas.
A exposición, que xa se pode visitar dende onte día 29, permanecerá na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte ata o venres 15 de novembro. A exposición chega así a Monforte logo de estar exposta no Instituto Cervantes da cidade francesa de Lyon e en Lorca (Murcia).
O Alcalde recomenda así a todos os monfortinos e xente que visite a cidade nestas datas que se acheguen a ver esta exposición pois “é unha oportunidade única de apreciar o rico patrimonio xudeu que posúen as cidades integradas na Rede de Xuderías, entre elas a nosa cidade”.