O Alcalde inaugura a cuarta edición do Coworking Monforte

Monforte de Lemos, 27 de febreiro de 2019.  A cuarta edición do espazo Coworking de Monforte de Lemos, foi inaugurada oficialmente na tarde de hoxe polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, nas instalacións de Expolemos.

Ante unha veintena de emprendedores, o Alcalde expresou que “é unha satisfacción ver como despois do éxito acadado nas tres primeiras edicións, nesta cuarta que empezamos hoxe, o número de inscritos mantense con respecto ás edicións anteriores, o que indica que a formación que aquí se imparte é atractiva para os participantes pero sobre todo é útil para o obxectivo que pretenden acadar os emprendedores, que non é outro que o de levar adiante o seu proxecto de empresa”. 

O evento conta co apoio do IGAPE, a Escola de Organización Industrial do Ministerio de Industria, o Fondo Social Europeo e o Concello de Monforte de Lemos.

 

IV Coworking de Monforte

No Espazo Coworking de Monforte de Lemos os responsables dos 22 proxectos participantes nesta cuarta edición recibirán, sen ningún tipo de custe para eles, asesoramento e un apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas. Os emprendedores atoparán un espazo de traballo en Expolemos con aulas e salas de reunións nas que recibirán formación e disporán dun mentor personalizado que os axudará a validar e lanzar o seu proxecto.

Neste senso, José Tome salientou que “O Espazo Coworking permítenos contribuír a configurar un novo tecido empresarial que sen dúbida, vai saír das ideas e dos proxectos de empresa que teñen as persoas que participan nestes espazos de intercambio de coñecementos e aprendizaxe empresarial, porque todo se aprende, e a ser empresarios tamén”.

Os 22 proxectos elexidos superaron un proceso de selección nos que se valoraron aspectos coma viabilidade, nivel de desenvolvemento ou posibilidade de implantación na comarca de Lemos. Os criterios de selección correron a cargo da Escola de Organización Industrial. Neste senso, para o Alcalde de Monforte “as iniciativas empresariais son necesarias en calquera pobo ou cidade, pero son moito máis importantes cando se dan nas comarcas do interior, como neste caso a comarca de Lemos”.

O espazo Coworking ofrecerá asesoramento durante 5 meses, aproximadamente. O programa está concibido para emprendedores que aínda non constituísen a súa empresa, pero ademais, participan tamén persoas que están nunha fase inicial de desenvolvemento do seu proxecto.

 

En este cuarto ano de celebración, o Coworking Monforte chega á súa última edición, sendo, en verbas do Alcalde, “un dos mellores eventos da Comunidade autónoma de Galicia en todas as edicións anteriores”.

O Alcalde pechou o acto agradecendo a asistencia e o interese de todos os emprendedores participantes, aos que desexou que “as vosas iniciativas empresariais se convertan en realidade, que cumprades o voso soño, porque iso significará que axudaredes a dinamizar a actividade económica desta comarca e tamén contribuiredes á creación de novos postos de traballo”.