O Alcalde destaca o éxito do Obradoiro Dual de Emprego de Monforte

Monforte de Lemos, 2 de agosto de 2019. O Concello de Monforte de Lemos, o abeiro do programa de Obradoiros Duais de Emprego,  puxo en marcha en novembro do pasado ano 2018 un novo proxecto de obradoiro, baseado na renovación e modernización das instalacións da Escola Obradoiro de A Pinguela de Monforte, ubicadas na rúa Sober.

As instalación da Escola Obradoiro, que contan con máis de 30 anos de historia e que se ubican nunha parcela municipal de 3.850 m², levan albergando xa varias Escolas Taller, Obradoiros de Emprego, cursos FIP, AFD, etc., converténdose dende hai anos no referente da Formación para o Emprego do Concello monfortino.

Por este motivo, e dado que as instalacións estaban moi deterioradas e obsoletas, e requirían urxentemente unha renovación total, dende o Concello de Monforte considerouse que o máis axeitado era abordar a través dun programa mixto de formación e emprego a renovación e modernización de ditas instalacións.

Deste xeito, o Obradoiro Dual de Emprego, promovido polo Concello de Monforte e subvencionado pola Consellería de Economía, o Fondo Social Europeo e a propia administración municipal, deu comezo o pasado mes de novembro baixo o título “Acondicionamento das instalacións da Escola Obradoiro de A Pinguela”.

 

16 alumnos finalizan o obradoiro con éxito

O Obradoiro de Emprego proporcionou formación e traballo práctico durante 9 meses a 20 alumnos, ós que hai que engadir o persoal que directamente estivo implicado no desenvolvemento do mesmo: 1 director, 2 docentes, 1 administrativo e 1 profesora de educación compensativa.

Deste xeito, leváronse a cabo neste obradoiro dúas especialidades formativas, relacionadas co sector da construción: 12 dos alumnos desenvolveron traballos de albanelería e os outros 8 encargáronse das tarefas de revestimento. O obradoiro foi finalizado por 16 alumnos, con dereito a diploma formativo, o que da conta do gran éxito alcanzado no mesmo.

Os alumnos recibiron formación profesional ocupacional, segundo o plan formativo e en alternancia coa práctica profesional, de acordo cos contidos establecidos para os certificados de profesionalidade que obtiveron destas ocupacións.

Durante o proceso formativo, os alumnos-traballadores recibiron tamén orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial. Para os que non alcanzaban os obxectivos da educación secundaria obrigatoria,  aplicáronselles uns programas específicos coa fin de proporcionarlles unha formación básica que lles permitise incorporarse á vida activa ou proseguir os seus estudios nas distintas ensinanzas reguladas.

Ademais, coa finalidade de facilitarlles o acceso ás novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC’s) incluíuse no programa formativo un módulo de iniciación á informática.

Impartíronse así tamén os módulos correspondentes a “Inserción laboral e técnicas de busca de emprego”,  “Sensibilización ambiental” e “Sensibilidade na igualdade de oportunidades”.  Do mesmo xeito, recibiron formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación que finalmente desempeñaron.

En verbas do Alcalde, José Tomé Roca, “o noso obxectivo foi que os participantes nos obradoiros de emprego adquirisen a formación profesional e a práctica laboral necesarias, a través da combinación de accións de formación en alternancia coa práctica profesional, e logo destes 9 meses e dado o éxito alcanzado, creo que o conseguimos.”

 

1ª fase de rehabilitación da Escola Obradoiro de A Pinguela

A iniciada en novembro de 2018, foi unha primeira fase da rehabilitación da Escola Obradoiro. Nela acometéronse os traballos de substitución dos módulos prefabricados existentes (módulos 1 e 4), por dúas edificacións en planta baixa, con cimentación e estrutura de formigón, cerramentos perimetrais de ladrillo cerámico revestido con morteiro de cemento coa cor incorporada, carpintaría exterior de aluminio e cuberta de chapa prelacada, para tres aulas, unha sala de xuntas, unha secretaría, un despacho de dirección e dous aseos.

Ademais, no propio proxecto de renovación das instalacións, foi reflexada a adaptación dunha aula destinada a uso das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC’s). Para elo, a través do desenvolvemento do itinerario formativo “fábricas de albanelería” deixarase feito a través de un dos módulos a pre-instalación de sistemas de comunicación para deixar preparadas as instalación, a fin de que a empresa instaladora da rede poida facer a instalación de telecomunicacións necesaria.

Para esta primeira fase a Consellería de Economia, Emprego e Industria subvencionou, a través do programa de Obradoiros Duais, as actuacións levadas a cabo na Escola Obradoiro de A Pinguela cun importe de 317.550,57 euros e o Concello de Monforte aportou uns 60.000 euros destinados a materiais e gastos non subvencionables.

      

O Concello de Monforte solicita á Xunta unha 2ª Fase do Obradoiro

O Concello de Monforte xa presentou o pasado mes de xuño á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia a proposta para un segundo obradoiro, co obxectivo de continuar coas labores de recuperación deste recinto.

En concreto, a proposta presentada céntrase nos módulos 2 e 3, relativos ós baños e ós vestiarios, almacéns e outras aulas. Para elo, desde o Concello solicitáronse outros dous módulos formativos: albanelería e o de fontanería, calefacción, e climatización doméstica.

O plantexamento didáctico e organizativo sería na mesma liña que o primeiro obradoiro desenvolto, contando co equipo docente e administrativo dos 5 postos descritos anteriormente.

Fomento do emprego e satisfacción da demanda empresarial

A demanda de profesionais no sector, o da construción, é cada vez maior, segundo confirman diversos empresarios monfortinos ó Equipo de Goberno do Concello e ós propios técnicos. Aqueles manifestan que se atopan con problemas para atopar traballadores e traballadoras neste eido, formados e cualificados para as distintas especialidades do sector.

Así, dende o Concello de Monforte, en colaboración con empresas deste sector, levouse a cabo o compromiso de inserción laboral de 8 alumnos/as que finalizaron con éxito o obradoiro. Estes alumnos, unha vez finalizado o obradoiro, traballarán cun contrato laboral de duración mínima de 3 meses a xornada completa e prevese que se incorporen ás súas empresas ó longo deste mes de agosto.

Ademais, na actualidade, desde o Concello estase a traballar na tramitación das subvencións de 1.500 euros por cada traballador que as empresas solicitaron contratar.

Na cidade de Monforte, o sector da construción está cada vez máis derivado á rehabilitación e reconstrución de novas vivendas, máis que a construción de grandes edificios, o que xenera na cidade un novo nicho de mercado para este sector que nos últimos anos volve a rexurdir como un xerador de emprego importante.

Con este tipo de obradoiros, o Concello de Monforte contribúe á mellora da empregabilidade de alumnos interesados de acceder con formación ó mercado laboral e da solución á demanda das empresas de persoal laboral cualificado. O obxectivo final é que estes alumnos poidan quedarse definitivamente nas empresas que os están a contratar, logo da súa formación no obradoiro de emprego.