Monforte de Lemos, 16 de outubro de 2019. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, recibiu na mañá de hoxe a un grupo de peregrinos que están a facer o Camiño de Inverno, formado por 26 médicos de diferentes partes de España e do estranxeiro, que acudiron á recepción encabezados por Fernando Pensado, médico de profesión e ex alcalde de Palas de Rei.
Durante a recepción do grupo de peregrinos, que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello, o Alcalde explicoulles a importancia que ten o Camiño de Inverno para a Ribeira Sacra. Neste senso, indicoulles que iniciando o percorrido deste camiño dende Monforte, pódese obter a Compostela que acredita a realización do Camiño de Santiago.
Do mesmo xeito, o rexedor municipal fixo un repaso polos fitos máis destacados da historia da cidade e resaltou os monumentos e museos máis salientables de Monforte, así como do seu casco histórico. De feito, está previsto que durante o día de hoxe este grupo de peregrinos médicos visite o Museo de Arte Sacro das Clarisas, o Colexio de Nuestra Señora de la Antigua, o Museo do Ferrocarril así como o barrio xudío e a Torre da Homenaxe, pasando unha xornada completa na nosa cidade.