O Alcalde de Monforte anuncia publicación da licitación da obra de pavimentación da rúa do Cardenal

Monforte de Lemos, 16 de novembro de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou a publicación na Plataforma de Contratos do Estado a licitación do proxecto de repavimentación da Rúa do Cardenal de Monforte, “a que é”, en  verbas do Alcalde, “a rúa escaparate da nosa cidade, a rúa máis emblemática pola que veciños e visitantes, nalgún momento pasan, e sobre a que é necesario acometer unha reforma integral, tal e como xa anunciamos o pasado mes de setembro”. O prezo de licitación da mesma é de 287.707,02 euros.

O proxecto de mellora desta rúa foi elaborado pola empresa monfortina Abante que, tras levar a cabo varias análises en sucesivas visitas á rúa, salientou a necesidade dunha reforma integral de dita rúa do Cardenal. Este proxecto foi aprobado no Pleno ordinario municipal celebrado o pasado día 30 de setembro.

O prazo de presentación de ofertas está aberto dende onte e ata o vindeiro mércores 4 de decembro de 2019 ás 14 horas. A mesa de contratación para a apertura das ofertas presentadas terá lugar o luns 9 de decembro de 2019 ás 9 da mañá.

 

O financiamento previsto para levar a cabo este proxecto de mellora será levado a cabo con remanentes de fondos municipais.

O prazo de execución da obra, unha vez adxudicada será de 56 días. Calcúlase que a finais do mes de decembro se poida proceder á sinatura do contrato e a previsión para o inicio das obras, se a climatoloxía o permite, será na semana do 13 de xaneiro, unha vez pasadas as festas de Nadal.

O proxecto enmárcase dentro do plan do Equipo de Goberno do Concello de mellorar a cidade, algo que se levou a cabo en máis de 80 rúas da cidade durante o anterior mandato e que continua nos tres meses que levan transcorridos da nova etapa de goberno. Deste xeito, desde comezos do verán abordáronse obras de mellora nas rúas Benito Vicetto, Lagares, López Espinosa, Chamoso Lamas, Santa Clara-A Veiga, a pasarela Calvo Sotelo-As Cruces, o acceso ó Miradoiro do Duque, a beirarrúa da rúa Corredoira, as pistas de As Lamas ou a mellora en 8 pistas do rural así como de varios camiños de titularidade municipal en diversas parroquias.

Reforma integral da rúa do Cardenal

A reforma integral concebida para a mellora do pavimento da rúa do Cardenal, cunha actuación que abarcará aproximadamente uns 2.222 m2 de superficie, consistira nas seguintes accións:

  1. En primeiro lugar, procederase a levantar todo o pavimento actual, todas as lousas de granito, dende o entronque coa praza de España ata o entronque coa avenida de Galicia. E levarase a cabo de forma manual, co obxectivo de aproveitar ó máximo as lousas que estean en bo estado. Neste senso, os encargados do proxecto revisaron lousa a lousa –arredor de 5.000- para determinar cales presentan algunha deficiencia e cales son válidas; así estímase que algo máis do 50% das lousas de granito están en bo estado e poderán ser reutilizadas na nova pavimentación.
  2. Levantaranse tamén os alcorques de adoquín que rodean ás árbores, así como a terra que hai debaixo deles. O obxectivo será nivelar esta zona de árbores e corrixir as raíces secundarias dos mesmos que sexan moi altas e dificulten a colocación do novo pavimento. Deste xeito, procederase ó nivelado de toda a rúa.
  3. Desmontaranse todos os elementos de mobiliario urbano da rúa: bancos, papeleiras, arquetas, tapas de rexistro, barandas dos locais de hostalería, bolardos, o quiosco, sinais, o mupi informativo, etc. E todos estes elementos volverán a ser recolocados na súa ubicación orixinal unha vez remate o pavimentado da rúa.
  4. Levantarase tamén a franxa central de canalización de augas pluviais, e volverase a instalar ben nivelada e canalizada, unha vez se coloquen as lousas de granito. Do mesmo xeito, tamén se levantará o bordiño de pedra de acceso á avenida de Galicia e se volverá a refacer no transcurso das obras de mellora.
  5. Desmontarase a instalación e as luminarias existentes no pavimento actual.

 

Rematadas estas accións previas, procederase á:

  1. Colocación de lousas de granito de 12 cm. de grosor sobre firme de formigón. Entre cada unha delas deixaranse 3 mm de separación e serán seladas con formigón de alta calidade, para propiciar un espazo de dilatación entre cada unha delas que impidan choques ou rupturas ante altas temperaturas.
  2. Instalado o novo pavimento, levarase a cabo unha limpeza integral de todo o conxunto de lousas con chorro de auga e area para harmonizar e igualar as cores das pedras reutilizadas (eliminando manchas e suciedade) con respecto ás lousas de nova colocación.
  3. Aproveitando esta obra de mellora, deixaranse instaladas zanxas entubadas para diferentes usos en relación con futuras instalacións de canalización de cableado eléctrico, de internet ou telefónico, a fin de facilitar ás empresas que proporcionan estes servizos futuras instalacións sen que sexa necesario levantar a rúa.
  4. Colocación de todos os elementos de mobiliario urbano retirados para a execución das obras.
  5. Instalación de luminarias (19) para alumeado público ornamental con tecnoloxía LED 100 W.

A execución desta obra está deseñada para non interromper totalmente o tráfico da rúa do Cardenal, é dicir, levarase a cabo en dúas fases, primeiro actuando sobre unha metade da rúa, en sentido lonxitudinal, e unha vez rematada esta primeira fase, abordarase a outra metade da rúa.

 

Condicións de licitación

Os requisitos de participación que deberán cumprir os licitadores que presenten ás súas ofertas a este proxecto se establecen en base a dous criterios:

  • Criterio de solvencia técnica-profesional: Deberán presentar certificados de boa execución por traballos da mesma natureza realizados nos últimos 5 anos, por un importe igual ou superior ó de licitación.
  • Criterio de solvencia económico-financeira: Os licitadores deberán ter un volume anual de negocio, nos últimos 2 anos, igual ou superior ó importe de licitación.

Ademais, deberán constituír unha garantía, polo prazo dun ano, por un importe do 5% do prezo de adxudicación que presenten, excluído do mesmo o IVE.

 

Criterios de adxudicación

Os criterios que valorarán os integrantes da mesa de contratación do Concello de Monforte para a adxudicación desta obra serán os seguintes:

  1. Prezo: o prezo ofertado será valorado con un máximo de 50 puntos.
  2. Ampliación do prazo de garantía ata 2 anos con póliza de seguro de todo risco de construción: os licitadores poderán ofertar 1 ou 2 anos de ampliación de garantía. Esta mellora será valorada con 10 puntos por ano (20 puntos máximo).
  3. Canalizacións soterradas para instalación de liñas eléctricas e de telecomunicacións: neste apartado tamén se ponderarán as melloras para un total de 20 puntos.
  4. Oferta de luminarias tipo LED, a maiores das orzamentadas (19): serán ata 10 puntos os que se concedan neste apartado.

 

Neste aspecto, entre estas melloras a ofertar por parte dos licitadores, cabe destacar a mellora da ampliación do prazo de garantía ata dous anos máis, logo da garantía obrigatoria dun ano. Isto supón que os licitadores que presenten esta mellora (garantía de 1 ou 2 anos) deberán facelo a través dunha póliza de seguro de todo risco de construción, co cal, durante un máximo de 3 anos o Concello non tería que destinar fondos municipais á reparación de posibles deficiencias ou desperfectos na obra, sendo executada para elo dita garantía.

O rexedor municipal considera que “a repavimentación da rúa do Cardenal, ó tratarse dunha obra complexa que conta cunha inversión certamente relevante, terá que ser levada a cabo por unha empresa que conte con capacidade para desenvolver os traballos descritos con precisión. Neste senso, agardamos que as ofertas presentadas contemplen a axeitada execución deste proxecto e que poidamos contar coa mellor opción para acadar unha rúa do Cardenal que sexa o orgullo de todos os monfortinos”.