Monforte de Lemos, 18 de febreiro de 2019. A próxima fin de semana, os días 23 e 24 de febreiro, no espazo dos Mercados da Praza de Abastos de Monforte celebrarase unha nova edición da Feira de Oportunidades de inverno do Centro Comercial Urbano (CCU).
No certame participarán 17 tendas de Monforte: profesionais do sector da moda, calzado, bebé, complementos, decoración, mercería …. que ofertarán aos asistentes grandes descontos de fin de tempada, superando nalgúns casos o 70%.
O horario contempla xornadas de mañá e tarde: o sábado 23 abrirá de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:30 horas, mentres que o domingo 24 o horario será de 11:00 a 13:30 e 17:00 a 20:30 horas. A entrada será gratuíta.
As feiras de oportunidades presentan cada ano máis atractivos, e cada vez máis clientes atopan nestes certames interesantes compras. Monforte conta cun importante nó comercial, onde se centran as compras da comarca e arredores. Nos últimos anos podemos salientar un importante desenvolvemento do comercio monfortino que, a través do seu Centro Comercial Urbano, está a traballar en prol da súa competitividade e calidade.
Fotos e máis información nas redes sociais do CCU de Monforte co hashtag #OportunidadesInvernoDoCCU.