Monforte contará, por primeira vez, cunha estación meteorolóxica, unha pantalla de información e de calidade do aire e unha cámara de Meteogalicia

Monforte de Lemos, 06 de febreiro de 2019. Monforte contará con todos os elementos necesarios para que os seus cidadáns poidan coñecer os aspectos relacionados coa meteoroloxía da cidade. O alcalde, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe aos medios o proxecto meteorolóxico levado a cabo entre o concello e Meteogalicia. Deste xeito, en verbas do alcalde, “conseguimos que Meteogalicia instale en Monforte 3 dispositivos de información meteorolóxica, que van permitir que a nosa cidade se sitúe ó mesmo nivel que o resto das cidades de Galicia.”

Así, as instalacións que se ubicarán en distintos puntos da cidade de Monforte son as seguintes:

  1. Unha Estación Meteorolóxica na Pinguela, situada na zona de céspede, xunto ás pistas de tenis.
  2. Unha Pantalla de Información Meteorolóxica e de Calidade do Aire xunto ó Concello.
  3. Unha Cámara Web na muralla xunto á porta de acceso á Torre da Homenaxe.

Estación Meteorolóxica

Esta nova instalación que se ubica na Pinguela, entra a formar parte da rede de estacións meteorolóxicas de Meteogalicia e vai permitir coñecer os datos climáticos reais de Monforte, que son empregados diariamente por moitos usuarios para as diversas actividades, para informes ou para xustificar danos nas propiedades ou nos cultivos por causas meteorolóxicas.

As medicións que rexistrará a estación meteorolóxica serán as seguintes:

  • Velocidade e dirección do vento ademais do refacho.
  • Temperatura e humidade do aire.
  • Presión atmosférica.
  • Temperatura do chan.
  • Temperatura da herba.
  • Radiación solar.
  • Choiva ou precipitación.

Unha vez que estea a estación meteorolóxica operativa, os datos poderanse consultar a través da web de Meteogalicia www.meteogalicia.gal ou na sua APP.

Para a instalación da estación meteorolóxica montarase un mástil de aceiro inoxidable de 10 metros de altura onde se colocarán os sensores de vento, de temperatura, de humidade, de radiación solar e o armario cos equipos de alimentación, procesado e envío de datos. Ademais, instalaranse dous soportes para os pluviómetros.

A estación non require de alimentación eléctrica externa, xa que esta é subministrada por un pequeno panel solar, que se instalará xunto cos demais equipos. A comunicación é por telefonía móbil mediante o sistema de 3G.

Para protexer os equipos da estación realizarase un peche do perímetro adaptándose á forma do emprazamento de aproximadamente 30 m2 (6x5 m.). A altura da valla será de 2 metros, cunha porta de acceso, semellante à que figura na foto adxunta.

Respecto da instalación desta Estación Meteorolóxica, o alcalde salientou que “empezarán de inmediato.”

Cámara Web

Meteogalicia tamén instalará unha Cámara Web en Monforte, ampliando a rede de Cámaras Web que xa ten instaladas, para poder ver en tempo real as condicións meteorolóxicas de calquera punto da xeografía galega, neste caso en Monforte.

Esto vai permitir obter imaxes en tempo real e poñelas a disposición do público na APP ou na páxina web, de maneira gratuíta e para que calquera persoa poida planificar as súas actividades persoais ou profesionais. A ubicación escollida para esta cámara é na cima do muro que rodea a Torre da Homenaxe, orientada cara os Escolapios.

Pantalla de información meteorolóxica e calidade do aire

O terceiro elemento que se vai instalar en Monforte vai ser unha Pantalla de información pública de Meteoroloxía e Calidade do aire, e tamén vai permitir facer públicos outros temas de interese e seguridade para os cidadáns, como os avisos diante de Fenómenos meteorolóxicos extremos ou posibles eventos da mala calidade do aire por contaminación.

A ubicación da Pantalla vai ser na esquina dereita do Concello, orientada cara a rúa e a Praza do Campo de San Antonio, onde remata a rampla de acceso lateral.

As características da pantalla son as seguintes:

  • Irá instalada en sentido horizontal.
  • As dimensións son de 2 metros de longa por 1 metro de alta.
  • Estará colocada sobre un poste metálico de 2,20 metros de alto.
  • Para poder realizar os labores de mantemento, estará separada da parede do edificio entre 0,5 e 1 metro.
  • Estará conectada á rede de alumeado municipal.

O motivo de ubicala neste punto é para que dea información ós veciños en xeral, pero tamén ós peregrinos do Camiño de Inverno, dado que a ruta de peregrinación a Santiago pasa polo Campo de San Antonio na parte frontal do Concello.

Finalmente, o alcalde valorou moi positivamente este proxecto: “Creo que estas novas instalacións son un logro importante e colocamos as Monforte no mesmo ranking que o resto das cidades galegas”