Monforte contará cun Punto Violeta durante a celebración das Festas Patronais

Monforte de Lemos, 8 de agosto de 2019. O Concello de Monforte segue a traballar para que as vindeiras Festas Patronais da cidade, que darán comezo o vindeiro domingo día 11, sexan máis seguras para os veciños e visitantes que queren disfrutar delas.

Neste senso, dende a Concellería de Muller e Igualdade, a través do Centro de Información á Muller, asinouse un convenio de colaboración coa Cruz Vermella de Lugo para contar un “Punto Violeta” durante as Festas Patronais. Dito punto, que se materializará a través dunha carpa personalizada, terá por obxectivo previr e atender a posibles vítimas de agresión sexistas durante o período de celebración dos festexos.   

Esta campaña está financiada con cargo ós Fondos da Secretaría Xeral de Igualdade en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O Punto Violeta estará ubicado durante os días 12 a 16 de agosto en horario de 23:00 a 2:00 horas na rúa Cardenal, á altura do BBVA, e estará atendida por persoal especializado. Deste xeito, a cidadanía poderá achegarse durante eses días para recibir información, asesoramento, e se é o caso, comunicar algún tipo de agresión sexista. Do mesmo xeito, desde este punto repartiránse dípticos informativos e unhas pulseiras personalizadas co lema desta campaña a todos aqueles que se acheguen ata o Punto Violeta.

A campaña terá tamén unha ampla presenza en redes sociais do Concello de Monforte e da Cruz Vermella, baixo o hashtag  #SexoconSenso. Neste aspecto, na carpa haberá un espazo adicado a “Photo Call” no que se disporá un “marco de foto” e diversas figuras en PVC para que todas aquelas persoas que o desexen poidan sacarse as súas fotos e subilas ás redes sociais co hashtag comentado, #SexoconSenso.

En verbas do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, “as violencias sexistas teñen moitas formas, ámbitos e espazos nos que se producen. Debemos concienciar e sensibilizar para modificar e erradicar actitudes e comportamentos sexistas nos espazos de ocio, creando así espazos libres de agresións, onde todos e todas poidamos desfrutar das festas libremente e con tranquilidade”.

Obxectivos

O Punto Violeta contempla uns obxectivos moi precisos en canto a violencia sexista:

  • Concienciar e sensibilizar sobre o problema social e comunitario que supoñen as agresións sexistas, dando información e asesoramento á poboación en xeral.
     
  • Ofrecer un espazo seguro de atención e intervención fronte a posibles agresións sexistas, centrándonos no interese superior da vítima.

Non debemos esquecer que o obxectivo principal sempre será ofrecerlle apoio á vítima e proporcionarlle un espazo de seguridade e tranquilidade, en caso de ser necesario.

 

Consellos ante algún tipo de agresión ou acoso

Dende o Punto Violeta ubicado na rúa Cardenal tamén se indicarán pautas para a cidadanía ante algún tipo de agresión ou acoso sexuais:

  • Se te sentes forte, mostra a túa desconformidade.
  • Senón, faillo saber ao teu grupo de amizades, seguro que te poden axudar.
  • Podes achegarte ao Punto Violeta, saberán orientarte.
  • Tamén podes chamar a este teléfono 647 390 768: Se pensas que alguén sufriu algunha agresión ou pide axuda
  • Se detectas situacións de incomodidade e malestar, achégate á persoa e pregúntalle como se encontra e se necesita axuda.
  • Pregúntalle que quere facer e respecta a súa decisión. Non adoptes actitudes paternalistas. Non a deixes sola, e intenta crear un espazo de seguridade.
  • Axúdalle a contactar con alguén da súa confianza. Se o solicita, ponte en
    contacto co Punto Violeta, saberán que facer.
  • Se presencias situacións de extrema gravidade, ponte en contacto coas
    forzas de seguridade e cos servizos de emerxencia. Se hai posibilidade, intenta apartar e protexer á vítima, pero non te poñas en perigo.
  • Aprende a identificar as conductas que poden danar a outras persoas.
  • Respecta os dereitos dos demais, os seus espazos e os seus corpos, pode
    ser moi molesto sentir esas invasións.
  • O respecto, a liberdade e a tolerancia son esenciais para a convivencia. Date
    conta dos teus prexuízos e non os banalices con chistes machistas,
    lesbófobos, tránsfobos e homófobos.
  • Entre ligar e acosar hai moitas diferenzas, senón che seguen o rollo, é mellor
    que o deixes estar.
  • Só quen agrede é responsable dos seus actos.
  • Estar baixo os efectos do alcohol ou outras sustancias non xustifica nin
    escusa as agresións.

Punto Violeta instalado pola Cruz Vermella no Concello de Lugo