Monforte conmemora o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero, coa lectura dun manifesto e cunha cadea humana rodeando o río Cabe

Monforte de Lemos, 25 de novembro de 2019. O Concello de Monforte de Lemos conmemorou hoxe o 25 de Novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, dentro da campaña de sensibilización “Monforte, en Negro contra as Violencias”, organizada pola Concellería de Muller e Igualdade organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM).

Ás 12 do mediodía, a praza do Concello encheuse de cidadáns, alumnos e profesores de diferentes centros educativos, representantes de asociacións e gran parte da corporación municipal, encabezada polo alcalde da cidade, José Tomé Roca.

En primeiro lugar, procedeuse á lectura dun manifesto contra a violencia de xénero a  cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López. No seu discurso, tivo un recordo para a última muller vítima de xénero en España, que foi asasinada hoxe mesmo en Tenerife, con tan so 26 anos de idade.

Tras a intervención da concelleira, un grupo de alumnas e alumnos do IES Río Cabe interpretaron unha canción contra a violencia de xénero, inspirada na famosa canción “Bella Ciao”.

Concluídos os actos na Praza do Concello, os asistentes desprazáronse ata o río Cabe, e aproveitando ás dúas pontes, a nova e a medieval, como nexos de unión, formouse unha cadea humana que rodeou mencionado río.

A sorpresa final foi protagonizada por dous piragüistas do Club Quixós que percorreron o tramo fluvial entre as dúas pontes facendo flotar, en letras xigantes, o lema “Monforte en negro”.

Esta campaña, e a conmemoración do 25N,  desenvólvese conxuntamente en máis dun centenar de vilas e cidades galegas baixo o lema En Negro Contra As Violencias co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía.

 

      

 

      

En canto ó resto de actividades que que se desenvolverán nos vindeiros días arredor deste Día Internacional contra a Violencia de Xénero, serán os seguintes:

 

Curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas, que se celebrará o 29 de novembro, en horarios de 10 a 14 horas e no Centro Cívico Social, co obxectivo de dotar ás mulleres participantes de ferramentas para a súa defensa persoal e auto capacidades para a prevención de situacións de violencia de xénero. O curso estará impartido por persoal instrutor de Fegaloita cualificado con experiencia en técnicas de intervención na violencia de xénero.  Para participar nesta actividade é necesario que as mulleres interesadas se inscriban previamente no CIM.

 

Charlas sobre agresións sexuais e violencia sexual: o mércores 27 de novembro no Salón de actos da Casa da Cultura desenvolverase esta charla informativa a cargo de Angélica Mercado, docente con ampla experiencia en políticas de igualdade. Esta actividade levarase a cabo ao longo de dúas sesións, a primeira de 10:30 a 11:30 h. e a segunda de 12:00 a 13:00 h. estará dirixida ao alumnado de 4º da ESO dos seis Centros de ensino de Monforte.

A actividade é concedida pola Secretaria Xeral de Igualdade no marco do Acordo de colaboración asinado coa Federación galega de municipios e provincias de Galicia, para aqueles municipios adheridos a Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero.

Con esta actividade pretendemos dar continuidade as actuacións levadas a cabo pola Concellaría de Muller e Igualdade na prevención da violencia sexual iniciadas coa publicación da Guía de prevención da violencia sexual SexoconSenso, as Campañas de publicidade que se desenvolveron entre os locais comerciais e hostaleiros, así como os Puntos Violetas que se desenvolveron nos días de festas patronais e romaría de San Mateo.

 

Representación teatral “Invisibles”, a cargo da compañía Redrum Teatro, que terá lugar o xoves 28 de novembro ás 20:15 h. no Edificio Multiusos. A obra terá un prezo de entrada de 5 euros para persoas adultas e de 3 para persoas desempregadas e xubiladas.

Invisibles xorde da necesidade de visibilizar. O libro homónimo de Montse Fajardo saca a luz sete relatos de maltrato, historias de vida de sete heroínas coas que identificarnos, das que aprender e coas que rebelarnos. Grazas a linguaxe escénica, estas historias cobran unha nova dimensión na que se transita dende planos máis realistas, achegados ao “teatro documento” ata propostas máis poéticas e simbólicas.

 

O venres 29 de novembro ás 11:30 h. no Centro Cívico Social terá lugar unha nova sesión da Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero, a cal ten como finalidade garantir, fomentar e implementar accións e formulas preventivas xunto cunha atención integral de calidade ás vítimas. A Mesa está composta por profesionais de toda a comarca de Lemos que pertencen a distintas áreas de intervención: Social, Educativo, FF.CC., de seguridade do Estado, Xustiza, Colexio de Avogados, Sanitario,…

Todas as reunións da Mesa de traballo inícianse cunha sesión formativa que nesta ocasión versará sobre a violencia sexual a cargo de Angélica Mercado, posteriormente traballarase sobre os puntos marcados na orde do día.

 

Xornada formativa sobre a prevención do acoso sexual e por razón de sexo na Administración Municipal: o venres 13 de decembro ás 12:30 h no Salón de Plenos do Concello impartirase unha Charla formativa dirixida ao persoal político e municipal do Concello na que se tratará o contido que recolle a “Guía de prevención de acoso sexual e por razón de sexo na Administración Municipal”, que publicamos no pasado mes de xuño, coa finalidade de sensibilizar ó persoal do Concello, dotalo de ferramentas para evitar casos de acoso sexual e por razón de sexo, e acadar un contexto de seguridade e de igualdade.