Monforte de Lemos, 4 de setembro de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu na mañá de hoxe no seu despacho a Luis Rodríguez Fernández, quen acudiu á cita para donar ó Concello o cadro denominado “Miguel de Cervantes escribiendo sus últimas voluntades al VII Conde de Lemos” pintado polo pintor impresionista catalán Toni Yll, artista de fama internacional.
Luis Rodriguez Fernández, máis coñecido como “Gay”, naceu en Reigada (Rioseco, Monforte) en 1945. Foi xogador de fútbol no CD Lemos e traballou en Barcelona na Telefónica, cidade na que actualmente reside, aínda que tamén pasa tempadas na cidade do Cabe.
O óleo doado, que amosa ó universal escritor español postrado na cama escribindo as súas derradeiras vontades ó VII Conde de Lemos, será colocado no despacho de Alcaldía, xunto cos outros tres cadros que xa cedeu anteriormente Luis Rodríguez, e que recollen o retrato do VII Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro, o do Cardeal Rodrigo de Castro, e o de Dª Catalina de la Cerda y Sandoval, esposa do 7º Conde de Lemos e fundadora do convento monfortino de Santa Clara.
O Alcalde de Monforte, en nome de todos os monfortinos, agradece a Luis Rodríguez a súa xenerosidade e o seu interese e preocupación pola cultura e patrimonio artístico e cultural de Monforte.