Monforte de Lemos, 10 de agosto de 2019. Desde esta mañá en que foi inaugurada, a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro cunha nova sala de exposición dedicada á historia de Monforte. O acto de apertura da mesma foi protagonizado polo Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e polo coñecido coleccionista monfortino que cedeu a colección bibliográfica ubicada en dita sala, José Luis Martínez Montero. Ambos estiveron acompañados ademais de diversos membros do Equipo de Goberno municipal.
No novo espazo, a sala 1 da planta baixa da Casa da Cultura, móstranse 90 títulos de obras relacionadas coa historia de Monforte e as personaxes que a protagonizaron, cedidos todos eles por Montero para goce dos monfortinos e daqueles que visiten a cidade do Cabe, que estean interesados no apaixonante mundo do acontecer histórico.
Boa parte dos libros que conforman a sala son publicacións cuxas edicións están esgotadas desde fai anos e conseguir exemplares é case unha misión imposible. Son libros que Montero, un apaixonado da historia das terras de Lemos, foi atesourando durante anos e polos que, nalgúns casos, pagou bastantes cartos.
Este coleccionista monfortino, chegou a un acordo co Concello de Monforte, que se está a plasmar nun convenio que se asinará nos vindeiros días, deixando de lado os intereses monetarios e legou, de xeito desinteresado ao patrimonio cultural da cidade, as súas pequenas xoias bibliográficas, un acto que lle honra e polo que hoxe foi recoñecido no acto inaugural.
A ese material hai que sumar outros 16 títulos cedidos por Carlos Rodríguez Fernández, Técnico de Cultura do Concello, 13 cedidos por Javier Rodríguez Casares, e outros 36 máis pertencentes ao fondo bibliográfico da institución local que se suman aos entregados por Montero. Suman algo máis de 150 volumes nos que se condensa a dilata historia de Monforte e daqueles homes que foron os seus grades protagonistas, desde os abades do Mosteiro de San Vicente do Piñeiro aos ponderosos Condes de Lemos, autores de moitas e destacadas páxinas de ouro da historia de España.
Ese pequeno universo bibliográfico condensa, en miles de páxinas, o devir monfortino durante séculos, desde o seu nacemento ata a actualidade. Agora, grazas a José Luís Martínez Montero e ao apoio da Concellería de Cultura do Concello de Monforte, estará aberto a todos aqueles que teñan curiosidade por coñecelo.
Unha extensa e valiosa colección
Nesa nómina de libros, aínda que todos teñen a súa importancia e o seu lugar na mostra, ademais dos clásicos de Pita Andrade, Germán Vázquez, Manuel Hermida Balado, Luís Moure Mariño, Alfonso Pardo Manuel de Villena, Armando Cotarelo ou Guillermo Lohmann Villena..., destacan algúns exemplares que poderían cualificarse de pequenos diamantes do patrimonio bibliográfico referido ao acontecer histórico de Monforte.
Nesta escolma atópanse O Buho Galego, escrito por Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos. Foi editado en Vigo en 1.951, cunha tirada de 210 exemplares, unha decena sen numerar. Outro destacado é o Tratado de Teoloxía, dedicado ao IX Conde de Lemos, Francisco Fernández de Castro, saído da pluma do relixioso Francisco de Oviedo, editado en 1.646. Os Hidalgos de Monforte, de Benito Vicetto, editado en Sevilla en 1.851, é outra das xoias que atesourou Montero.
Súmanse a eles O Conde de Lemos, protector de Cervantes, escrito por José María Asensio no ano 1.880. Os benedictinos de Monforte, obra de Antolín López Pelaez, publicado na Coruña, en 1.895. Un orixinal de Monforte, os seus monumentos, lendas e tradicións, do avogado Vilariño de Barbeito, editado en 1.896 pola Imprenta O Eco de Lemos. Sermón que predicou o reverendo pai Bernardino González nas honras fúnebres do pai Frei José de Carabantes relixioso capuchino, editado en 1.694, é outro dos volumes destacados nesa lista de pezas literarias.
Non falta nesa relación A coroa de lume, o segredo dunha tumba, novela histórica escrita por Manuel Amor Meilán, en dous tomos, editada en 1.893. Sobre o mesmo tema, tamén está ¡Lenda de horrore! A mitra de ferro ardente, saída da man de Galo Salinas, escrita en verso, que foi editada na Coruña, en 1.894.
Contrato de cesión de fondos bibliográficos
O acordo alcanzado entre o Concello de Monforte e o coleccionista monfortino, que será asinado nos vindeiros días mediante un convenio que está sendo ultimado polos servizos xurídicos do Concello, recolle a vontade do donante de que a colección estea exposta permanentemente nun local, a comentada sala 1 da planta baixa da Casa da Cultura, ó alcance dos monfortinos e visitantes, así como de estudosos e amantes da historia da nosa cidade.
A tal efecto a sala está acondicionada para que o material doado estea exposto en boas condicións, con vitrinas acristaladas e pechadas, cunhas condicións de temperatura e humidade axeitadas, así como cunha cámara de videovixiancia, que permitirán asegurar en todo momento a boa conservación dos fondos cedidos. Da mesma maneira, o Concello comprométese ao mantemento, control e vixilancia do legado. Nas visitas que se realicen á sala haberá unha persoa encargada do control para evitar que se produzan actos de vandalismo ou roubos.
A intención da doazón, segundo recolle o contrato, é que os fondos entregados sirvan para o seu coñecemento e estudo, polo que a sala estará aberta ao público facilitando as visitas, primando a estudosos da nosa historia e sobre todo á poboación escolar monfortina e da comarca, realizando anualmente campañas de difusión de promoción da cultura local desde o coñecemento deste legado, campañas sobre todo dirixidas a escolares, con visitas concertadas.
Do mesmo xeito, o Concello comprométese a realizar a dixitalización dos fondos doados nun prazo non superior a catro anos, para que se poida realizar en todo momento a consulta e o estudo de ditos fondos. Neste senso, os orixinais non poderán ser consultados nin reproducidos de ningún xeito, pero facilitaranse copias unha vez produciuse a dixitalización dos mesmos e a prezo de mercado. Os bens doados non se poderán vender, doar, regalar nin calquera outra circunstancia que non sexa a acordada polas partes asinantes do convenio. De ocorrer calquera destas situacións ou outra que poida deteriorar o material doado, a doazón revertería instantaneamente no donante ou os seus descendentes.
En verbas do Alcalde, “so nos resta invitar e animar a todos os monfortinos e monfortinas, así como a todos aqueles que nos visiten, a acudir á Casa da Cultura de Monforte a ver esta singular e valiosísima mostra bibliográfica, que foi posible grazas ó altruísmo do amigo Montero e á propia Concellería de Cultura do Concello, que dende o primeiro momento se implicou neste proxecto.”