Monforte de Lemos, 29 de decembro de 2019. O Concello de Monforte continúa coa programación de Teatro Profesional 2019-Proscenio para a Provincia de Lugo da Deputación Provincial e deste xeito, este luns 30 de decembro a compañía Titiriterra representará “Belarmina, a fabulosa velutuna” ás 18:00 horas no Auditorio do edificio Multiusos, unha obra dirixida a público familiar e con entrada gratuíta.
Belarmina é unha obra de teatro musical e é consecuencia do encontro entre Gustavo Fouce (director teatral), Martín Vázquez (músico) e Verónica Quintela (artesá creadora). Poñendo en común as súas habilidades e o seu interese pola natureza, nace unha obra fresca e chea de humor. O problema da invasión da vespa asiática da pé a unha sucesión de encontros e desencontros entre dous seres moi diferentes e moi humanos. A abella orgullosa e a vespa que se debate entre o desexo de amizade e o deber de devorar a súa nova amiga.