Clausura onte das actividades do primeiro trimestre Programa Activa Monforte 2019

Monforte de Lemos, 29 de xuño de 2019. O Concello de Monforte ven de clausurar onte pola tarde as actividades do Programa Activa 2019 correspondente ao trimestre abril-xuño do presente ano. Deste xeito, o Alcalde da cidade, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde Gloria Prada, e os concelleiros José Luis Losada, Marina Doutón e Regina López, clausurou no Centro Cívico ditas actividades.

En concreto, as actividades de clausura consistiron nunha exhibición de Roda Cubana a cargo do monitor e alumnas de baile, nun obradoiro de trucos para preparar unha boa maleta para as vacacións, nunha exposición de traballos de alumnas e alumns de Artesanía, Manualidades, Costura Creativa, Fotografía e Encaixe de Palillos. E a tarde culminou cunha merenda na terraza da cafetería do Centro Cívico para todos os asistentes.

As actividades do Programa Activa 2019 desenvolvéronse nos meses de abril, maio e xuño tanto no Centro Cívico Social coma nas parroquias.

Os obxectivos do programa non foron outros que favorecer o envellecemento activo dos seus participantes, promover o intercambio interxeracional e a participación social dos veciños e veciñas de Monforte.

Deste xeito, ofertáronse un total de 24 actividades no Centro Cívico, unha máis que en 2018, divididas en dous bloques segundo a idades (actividades para maiores de 55 anos e actividades para maiores de 14 anos) e 6 actividades nas parroquias.

Convócanse un total de 590 prazas (en 2019 foron 545 prazas) das cales, 340 corresponderon a actividades do Centro Cívico e 250 prazas ás parroquias.

 

Activa 2019 no Centro Cívico e nas parroquias

As actividades ofertadas no Centro Cívico de Monforte foron ximnasia de mantemento, ximnasia acuática, conservando a memoria, risoterapia, manexo do móbil, internet e correo electrónico, informática de iniciación, informática presentación open office, inglés para maiores, artesanía e manualidades, costura creativa e reciclaxe, encaixe de paliños, baile (nivel iniciación e perfeccionamento), cociña consciente e saudable, fotografía dixital, beleza e saúde natural e trucos e ideas para o día a día.

As actividades ofertadas nas parroquias foron ximnasia de mantemento, conservando a memoria, manualidades, baile, risoterapia e reciclaxe e costura creativa.

As actividades desenvolvéronse no período abril-xuño e tiveron unha duración total de 20 h. cada actividade. Está previsto que se abra unha nova convocatoria para participar en actividades ofertadas de setembro a novembro.

Estas actividades son gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte e están subvencionadas ó 100 % polo Concello.