Monforte de Lemos, 19 de decembro de 2019. Un total de 445 persoas participaron nas actividades de Servizos Sociais postas en marcha polo Concello dende o pasado mes de setembro e ata hoxe a través do chamado Programa ACTIVA. É unha cifra moi similar á da edición de 2018 e 105 veciños e veciñas máis que no ano 2017.
O Concello decidiu ampliar este ano as prazas das actividades debido á alta demanda que se rexistrou tanto en 2017 coma en 2018. Das máis de 445 persoas que participaron nas actividades deste segundo trimestre do ano, 315 asistiron a actividades no Centro Cívico, cubrindo todas as prazas ofertadas, e o resto, 130 persoas, asistiron ás clases impartidas nas parroquias.
Polo que respecta ás actividades desenvoltas no Centro Cívico, houbo unha lista de espera ampla nos obradoiros de conservando a memoria, inglés e manexo de móbiles e redes sociais polo que se decidiu abrir tres grupos novos cun total de 37 plazas máis.
Por outra banda, un total de 13 parroquias solicitaron participar nas actividades. A máis demandada foi ximnasia de mantemento cun total de 9 parroquias, seguido de manualidades (2), baile (1) e conservando a memoria (1).
Dende a organización, destácase a regularidade na asistencia dos participantes ás diferentes actividades organizadas, reducíndose o número de baixas sen xustificar.
Acto de clausura no Centro Cívico
O Alcalde, José Tomé Roca, a concelleira de Servizos Sociais e 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, mantiveron este xoves unha xuntanza cos tódolos participantes no Centro Cívico Social para compartir con eles impresións sobre o programa e clausurar as actividades desenvoltas no dende outubro ata este mes de decembro.
A xornada comezou no Salón de Actos do Centro Cívico cunha Masterclass navideña, a cargo da monitora da actividade de artesanía e manualidades. Tras ela, tivo lugar unha exhibición de baile dos grupos de iniciación e perfeccionamento. Tamén se puideron contemplar os traballos realizados polos participantes nos diferentes obradoiros que se desenvolveron nestes meses: artesanía e manualidades, encaixe de bolillos, reciclaxe e costura creativa e fotografía.
Por outra parte, proxectouse un vídeo resumo das actividades desenvoltas polo programa ACTIVA realizado polos alumnos do obradoiro de informática. Unha vez finalizados estes actos, os asistentes puideron gozar dunha chocolatada na cafetería do Centro Cívico.
As persoas, prioridade do Goberno local
O mandatario local destacou que “o programa Activa ten como obxectivo promover a participación dos veciños e, por outra parte, posibilitar espazos de encontro entre diferentes xeracións. A prioridade para o noso Equipo de Goberno son as persoas e, por iso, durante este novo mandato seguimos apostando decididamente por este programa, un feito que permitiu que máis persoas puidesen participar e que tamén se impartisen novas disciplinas”. O rexedor municipal destacou que “nesta ocasión, algunhas das novidades foron que incluímos clases de cociña consciente e saúdable e trucos e ideas para o día a día. Ademais, tras unha demanda que se nos fixo chegar no trimestre anterior, melloramos a aula da 2ª planta do Centro Cívico, cambiando o fregadeiro, o que facilitou o desenvolvemento das actividades”.
Ademais destas novidades, a programación dende setembro incluíu ximnasia de mantemento, ximnasia acuática, pilates, conservando a memoria, risoterapia, inglés para adultos, encaixe de bolillos, artesanía e manualidades, manexo do móbil, internet e correo electrónico, baile de iniciación e perfeccionamento, reciclaxe e costura creativa, fotografía dixital, e saúde e beleza natural.
O rexedor aproveitou para facer balance do ano, xa que o progama ACTIVA tamén contou con actividades nos meses de abril a xuño, e destacou que “o resultado xeral do programa Activa foi moi positivo posto que todas as actividades tiveron moito éxito e o grado de satisfacción dos e das participantes coas actividades foi moi elevado, cun 95% de satisfacción respecto ós monitores e á organización”.
O mandatario local aproveitou o acto de clausura para agradecer a participación dos veciños no programa de actividades de Servizos Sociais. Así mesmo, José Tomé, lanzou unha mensaxe para animar ós veciños a seguir participando en vindeiras edicións: “este Equipo de Goberno ten como unha prioridade potenciar os Servizos Sociais, e nesa liña imos seguir traballando, porque actividades coma esta son moi positivas para o ser humano. Por ese motivo, xa estamos traballando no deseño dun novo programa de actividades para 2020”.
As actividades do programa Activa leváronse a cabo este ano no Centro Cívico Social, ubicado no Paseo do Malecón, e tamén nas parroquias.