A Xunta de Goberno de Monforte aproba o Plan Especial, de forma provisional

Praza de España

Monforte de Lemos, 12 de febreiro de 2019.

O Goberno de Monforte de Lemos, ven de aprobar, na sesión ordinaria da Xunta de Goberno do pasado luns 11 de febreiro, o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico da cidade.

Esta aprobación é de carácter provisional xa que é agora a Xunta de Galicia quen debe ratificar a proposta ou formular posibles revisións, para o cal conta cun prazo de 2 meses.

O prazo de 2 meses aínda non deu comezo xa que o documento aprobado provisionalmente pola Xunta de Goberno ten que ser revisado e dilixenciado polo secretario do Concello, tras o cal procederá a ser enviado aos Servizos de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta para o seu informe preceptivo. Unha vez o organismo autonómico dea o seu visto bo ao Plan, será o Pleno do Concello quen proceda á aprobación final do mesmo.

Alegacións

O Plan foi aprobado pola equipo de goberno municipal tras ser valorado polo Equipo Redactor o conxunto de alegacións presentadas tanto por particulares como empresas, colectivos e asociacións aos que afecta dito Plan.

A resposta das alegacións, tanto a persoas como a entidades, levarase a cabo conforme á normativa cando se produza a aprobación definitiva do Plan por parte do Pleno do Concello.