Monforte de Lemos, 24 de abril de 2019. O Concello de Monforte de Lemos informa que entrou en servizo a totalidade do novo alumeado público do Morín, dende o cruce de Doutor Casares coa rúa da Coruña e a rúa do Caneiro ata a Residencia de Maiores, no límite entre o Morín e Ribasaltas. Isto supón unha mellora considerable na modernización das instalacións do alumeado público da rúa Morín.
O proxecto de mellora do alumeado do Morín consistiu na eliminación da actual tecnoloxía e na instalación de luces LED, que permiten unha alta eficiencia enerxética. As obras de mellora deron comezo o pasado mes de febreiro.
O obxectivo é mellorar a iluminación e reducir o consumo enerxético e polo tanto, o económico, mellorando os niveis de iluminación, máis axeitados, mellorando deste xeito, o servizo ás empresas e ás vivendas.
As instalacións que veñen de ser substituídas eran moi antigas, os báculos estaban oxidados, parte da instalación subterránea en mal estado e as luminarias daban moi pouca intensidade de luz e tiñan un consumo anual de 66.906 kwh/anuais.
Coas novas luminarias o consumo baixará ata 19.172,68 kwh anuais, unha diferenza de 47.733,32 kwh por ano de menos consumo. Esta cifra tradúcese nun aforro económico para o Concello de Monforte de case 7.000 euros anuais, o que se corresponde co 71% da factura de dita rúa Morín.
Pero ademais, a nova instalación traducirase non só nun aforro económico, senón tamén enerxético e de emisións de CO2 á atmosfera do 71’34 % ó ano.
As actuacións levadas a cabo contemplaron a reforma das seguintes instalacións:
- Cadro de mando e protección, e instalación de posta a terra.
- Eliminación das vellas luminarias ó longo da rúa Morín, que son de vapor de sodio e de baixa eficiencia enerxética, e substitución por outras novas de tecnoloxía LED, que son de alta eficiencia enerxética.
- Cambio na disposición dalgunhas das luminarias para acadar unha iluminación máis axeitada, con novos apoios, cimentacións e luminarias. Os báculos tamén son todos novos.
Do mesmo xeito, con esta actuación suprimiuse un punto escuro que xa leva moitos anos fronte á gasolineira dos Sierra, na beirarrúa da esquerda en dirección a Lugo, onde faltaban puntos de luz. Coa nova actuación foron colocadas 3 novas farolas, desaparecendo así a oscuridade en toda esa zona, onde entronca Doutor Casares, coa rúa Coruña e a rúa do Caneiro. Deste xeito, a zona de escuridade agora queda corrixida, unha zona que afectaba a moitos veciños.
A da rúa Morín é a primeira obra de iluminación que o Concello realiza na zona da Estación pero acometeranse outras, o que vai facer que este barrio experimente unha transformación da iluminación pública moi importante.
A obra foi levada a cabo pola empresa monfortina Construcciones y Montajes Eléctricos Santos Héctor S.L., cunha inversión de 83.490 euros.
Esta obra supón unha mellora moi importante na iluminación pública da cidade, sobre todo nunha das entradas que procede da capital da provincia. Con esta nova posta en servizo, son máis de 50 rúas e prazas da cidade e na zona rural que xa contan con melloras no servizo de iluminación, coa posta en funcionamento de máis de 200 farolas.