Monforte de Lemos, 2 de decembro de 2019. O Concello de Monforte ten preparada unha ampla programación para celebrar as festas de Nadal 2019-2020. Hoxe deuna a coñecer a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, quen salientou que ”deseñamos un completo programa de actividades pensados para toda a familia e en especial para os máis pequenos da casa.”
Unha das actividades destacadas, como todos os anos, é o concurso de beléns, no que participan os centros de ensino da cidade. O prazo para inscribirse neste certame estará aberto dende hoxe e ata o luns 16 de decembro, ás 14 horas, e deberá formalizarse no Rexistro Xeral do Concello. O nome dos gañadores coñecerase o martes 17 de decembro. Os premios que entregará o Concello son 100 euros (1º premio), 80 euros (2º premio), 50 euros (3º premio), 30 euros (accésit).
Por outra parte, os máis pequenos da casa volverán participar un ano máis no xa tradicional certame de poesía infantil “Nadal 2019”, da Biblioteca Pública Municipal Poeta Lois Pereiro.
E este ano, terá lugar a montaxe na primeira planta da Casa do Concello de Monforte dun Belén Clásico (diorama monumental) a cargo de J. Antonio Davila, que será inaugurado o luns 9 de decembro ás 13:30 horas.
Ademais, hai outras citas que marcan a axenda deste Nadal en Monforte:
XXIª Mostra de Panxoliñas para centros de ensino. Xoves, 19 de decembro, ás 18 horas no Edificio Multiusos.
Festival de Nadal do Conservatorio Municipal, na honra de Luis Nieves. Venres, 20 de decembro, ás 20 horas no Edificio Multiusos.
Mercado de Nadal 2019. Sábado 21 e domingo 22 de decembro na Praza de Abastos.
Concerto Corais de Nadal. Sábado, 21 de decembro, ás 20 horas, na Igrexa Nosa Señora da Antiga-Colexio PP. Escolapios. A actuación estará a cargo da Coral RENFE de Monforte, a Coral Voces e Cordas de Sobrado do Bispo (Ourense) e a Coral Polifónica Concello de Monforte.
Espectáculo para todos os públicos (a partir de 3 anos). Representación de Duncan de Palleiro, da Compañía Lilá Teatro, o luns 23 de decembro, ás 18 horas, no Edificio Multiusos.
O Apalpador visitará as rúas da cidade e a zona dos mercados-Praza de Abastos durante a mañá do martes, 24 de decembro.
O venres 27 de decembro, a compañía Lucecús Teatro representará unha comedia destinada a público familiar: A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna. Será ás 18 horas no Edificio Multiusos.
Concerto da Sociedad Filarmónica de Monforte. O venres, 27 de decembro, ás 20:15 horas, na Casa da Cultura, baixo o título Familia Moriatov.
Festa infantil de Noite Vella, o luns, 30 de decembro, na zona de mercados da Praza de Abastos. Será de 11 a 13 horas.
Tamén o luns 30 de decembro, a compañía Titiriterra representará teatro de títeres para público infantil e familiar: Belarmina, a fabulosa belutina. Será ás 18 horas no Edificio Multiusos.
Concerto de Xingros Big Band, o venres 3 de xaneiro, ás 20:00 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.
Cabalgata de Reis
Un dos días máis agardados será o domingo 5 de xaneiro. Os Reis Magos de Oriente chegarán á estación de ferrocarril de Monforte sobre as 17:00 horas.
O desfile de Carrozas Reais e da súa comitiva comezará ás 18:30 horas dende a Praza da Estación ata chegar ó Concello.
Un pouco máis tarde, ás 19:30 horas, As Súas Maxestades lerán o seu discurso dende o balcón da Casa Consistorial. Posteriormente, recibirán ós nenos e nenas na planta baixa do Concello.