Monforte de Lemos, 7 de marzo de 2019. O Concello de Monforte, desde a súa Concellería de Igualdade, e o Centro de Información á Muller (CIM) non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller.
Deste xeito, a primeira das actividades destacadas terá lugar mañá venres 8 de marzo, “Día internacional da Muller” coa celebración da Marcha pola Igualdade.
Ás 12:30 horas a Marcha sairá desde a Praza da Compañía ata o Concello, e contará coa participación de representantes municipais así como diversos colectivos, que convocan e animan á cidadanía de Monforte a sumarse a dita marcha.
Deste xeito, realizarase un pequeno percorrido polas rúas de Monforte, partindo da Praza da Compañía e chegando ata a Praza do Concello, onde se levará a cabo unha concentración en prol da igualdade de mulleres e homes, e procederase á lectura do Manifesto por parte da Concelleira de Igualdade, Marina Doutón.
Tras a lectura do manifesto, o acto rematará coa interpretación en directo da canción Ni una menos, GRÍTALO! a cargo da súa autora Alexandra Pérez Prieto. O vídeo desta canción pódese ver en:
Marcha pola Igualdade
Dende o CIM procederase ao reparto de diversos materiais (chifres, letras de cancións con temáticas feministas, etc) así como de sensibilización en igualdade (pancartas, carteis, lemas, imaxes, lazos…), entre os Centros de Ensino e a cidadanía que participe na Marcha.
É salientábel destacar a colaboración na organización, participación e divulgación da mesma de todos os axentes sociais e económicos da zona.
Desde o CIM e a Concellería de Igualdade, convidamos a toda a cidadanía a participar, así como facemos un chamamento a todos os establecementos comerciais e hostaleiros para que realicen un peche na franxa horaria de 12.30 a 13.30 horas que represente a modo simbólico un rexeitamento das desigualdades que sofren as mulleres, xa que entendemos que as reivindicacións que se levan a cabo ese día son unha cuestión que afecta a toda a cidadanía, debendo estar promovidas polo seu conxunto .
O vindeiro acto en relación as actividades do 8M será:
“Genoveva González Prieto, unha muller para o 8 de marzo”: luns 11 de marzo de 11:30 a 13:00 horas no salón de actos do Centro Cívico Social. Visionado deste conto e entrega de exemplares ao alumnado de primaria asistente.