A Concellería de Muller e Igualdade organiza un Curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas

Monforte de Lemos, 19 de novembro de 2019. A Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Monforte de Lemos, a través do Centro de Información á Muller (CIM), e dentro das actividades que ten programadas con gallo do 25 novembro “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero” levara a cabo un Curso de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas.

O curso desenvolverase en dúas sesións no Centro Cívico Social de 10:00 a 14:00 h., comezando a primeira sesión este venres 22 de novembro e a segunda o próximo venres 29 de novembro.

Para a participación neste curso é necesario inscrición previa, así que as mulleres interesadas deben inscribirse presencialmente nas dependencias do CIM ou por teléfono, no 982 416 350.

 

O obxectivo deste Curso é dotar as mulleres de ferramentas para a súa defensa persoal e auto capacidades para a prevención de situacións de violencia de xénero. Estará impartido por persoal instrutor cualificado de Fegaloita, con experiencia en técnicas de intervención na violencia de xénero.

O que se pretende é que estas xornadas sexan un instrumento de formación que comprenda un conxunto de coñecementos, actitudes, pautas e técnicas físicas que permitan prever, avaliar e actuar ante situacións de ameazas, riscos ou agresións.

Non se quere ensinar a pelexar. O fin é poder escapar desas situacións ilesas ou co menor dano posible, para despois utilizar as vías legais de protección e denuncia.

As técnicas han de ser sinxelas, pero ao mesmo tempo efectivas para acadar o obxectivo que se pretende, que non é outro que o de fuxir. Amosarase como utilizar obxectos cotiás como as chaves, os móbiles, os bolsos….

Trataranse tamén aspectos legais, psicolóxicos, estratéxicos, físicos e por suposto de prevención, xa que se entende que esta última é a que pode evitar que nun momento determinado chegue a producirse a agresión (recomendacións en portais, garaxes, vehículos, na rúa, etc).

Tamén se amosará material de defensa do que se dispón hoxe en día para a autoprotección.

Esta actividade enmárcase dentro das actuacións que a Secretaría Xeral de Igualdade ofrece aos municipios adheridos a Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero.