Xa están en marcha as obras de mellora do firme de 8 viais da contorna da rúa Ourense

23 de outubro de 2018. Tal e como anunciara o Alcalde, xa están en marcha as obras de mellora dos viais que unen as rúas Cobas e Ourense. Durante estes días as máquinas están traballando para dotar de novas capas de rodadura de aglomerado en quente. En concreto, estas tarefas van beneficiar ás rúas Pantón, Perfecto, Río, Ribas de Sil, Courel e Diego de Lemos. Por outra parte, desta obra tamén se van beneficiar as travesías Conde Froila Díaz e Poeta Pero de Veer.

Ademais, dentro duns días, está previsto que se mellore un tramo da rúa Ourense. José Tomé apuntou que “neste caso, imos renovar o firme dende o concesionario da Opel ata a rotonda, nunha lonxitude aproximada de 700 metros; tamén se mellorarán algunhas zonas das beirarrúas”. Por outra parte, o rexedor sinalou que “con este proxecto imos cambiar a totalidade da imaxe desta zona, que experimentará unha mellora integral, tralas que xa realizamos na rúa Cobas”.

Con este proxecto o Equipo de Goberno quere dar resposta ás necesidades de mellora urbana dunha zona da cidade na que, dende hai anos, non se acometeu ningunha obra.

 

 

“O noso obxectivo é que Monforte sexa unha cidade atractiva e agradable para todos. As melloras que propoñemos neste proxecto van beneficiar un barrio da periferia, en concreto, imos actuar na rúa Ourense e en tódalas travesías que hai á súa marxe esquerda e dereita. Trátase dunha zona moi poboada da cidade e que experimentou un crecemento importante”, apuntou José Tomé.

O investimento total destinado a estas actuacións ascende a 103.035 euros.

No caso da rúa Ourense, a empresa Asfalgal Técnicas Viarias S.L. é a que se vai encargar da realización da obra. No resto de viais, os traballos vainos realizar Acoval S.A.