5 de novembro de 2018. O Alcalde, José Tomé, visitou hoxe ós 20 alumnos que participan no novo Obradoiro Dual de Emprego, promovido polo Concello de Monforte e subvencionado pola Consellería de Economía, o Fondo Social Europeo e a propia administración municipal.
O mandatario local destacou que “neste caso, a realización do Obradoiro, de nove meses de duración, vai permitir a mellora das instalacións da escola-obradoiro de A Pinguela. Concretamente, cando finalicen as obras, poderemos contar cun novo centro de formación ocupacional, nunhas instalacións moito máis modernas e actuais”.
Detalles do Obradoiro de Emprego
O novo Obradoiro de Emprego leva por título Acondicionamento das instalacións da escola obradoiro de A Pinguela. Concretamente, 12 persoas van realizar traballos de albanelería e outras 8 encargaranse das tarefas de revestimento.
O Alcalde apuntou que “con este Obradoiro dual de Emprego creamos 24 postos de traballo durante 9 meses, o grupo estará formado por 20 alumnos, 2 monitores, un director e un auxiliar administrativo. Cando remate o Obradoiro, varios alumnos terán contratos en prácticas durante 3 meses en empresas de Monforte. Polo tanto, este é un Obradoiro con compromiso de contratación”.
“Os alumnos van retirar as casetas actuais da escola-obradoiro, que están moi deterioradas, para posteriormente realizar unha nova obra en ladrillo”, sinalou José Tomé, “hai que ter en conta que o recinto actual creouse na década dos 80 e, polo tanto, require xa dunha actuación integral”.
Os traballos programados inclúen a construción dunha nova planta de dúas edificicacións, que van substituír ós módulos prefabricados existentes.
Mellorar a empregabilidade
Durante a visita, José Tomé destacou que “con este proceso formativo queremos contribuír a mellorar a vosa empregabilidade para que teñades máis posibilidades de inserción no mercado laboral. O noso obxectivo era crear emprego para as persoas que, lamentablemente, estabades sen traballo.”
O rexedor engadiu que “outra das nosas pretensións é que obteñades formación nunha actividade cada vez hai máis oportunidades de emprego por ser un dos ocos de mercado, e onde escasean profesionais relacionados coa profesión”.
O Alcalde tamén subliñou que os obradoiros de emprego son moi positivos “posto que axudan ós Concellos a levar a cabo proxectos que, sen este mecanismo, sería moi difícil de podelos levar á práctica. Ademais, fomentan o emprendemento”.